O Sergas notifica a morte dun home de 75 anos coa covid no CHOP
Galicia bate marcas de contaxios diarios, con máis de 3.000 novos positivos
Os casos activos achéganse ao pico da terceira vaga, o máis alto de toda a pandemia
Nas unidades de coidados intensivos (UCI) continúan ingresadas 50 persoas
Galicia chega ao Nadal con 22.349 casos activos, 2.087 máis ca na xornada anterior e moi preto do pico da terceira vaga (22.911), o máis alto de toda a pandemia.
As infeccións activas distribúense do seguinte xeito por áreas sanitarias:
-Vigo: 6.398
-A Coruña: 3.828
-Pontevedra: 3.245
-Santiago: 3.196
-Ourense: 2.871
-Lugo: 1.740
-Ferrol: 1.071
Novo máximo
Ademais, segundo o Servizo Galego de Saúde, suma 3.100 novos contaxios confirmados nun só día. Con este dato, volve alcanzar o seu máximo dende o inicio da crise sanitaria.
A área sanitaria da Coruña encabeza hoxe a cifra de positivos, con 638, unha marca que non acadara nin sequera na vaga do inverno pasado sendo unha das áreas máis afectadas. Daquela o pico máximo fora de 549 casos nun día.
Vigo computou nas últimas horas 636, cifra á que tampouco chegara antes. Santiago segue subindo ata os 545. Desde principios de semana case multiplicou por 4 o número de casos diarios.
Ourense tampouco é allea ao empeoramento da situación. Hoxe computa 434 casos novos e Pontevedra 370, tamén superan as marca máis alta que tiñan. Igual ca Lugo, con 276, e Ferrol con 201.
Situación hospitalaria
Se comparamos a situación sanitaria coa de hai un ano: tal día coma hoxe había 319 persoas ingresadas, 54 delas nas UCI. Este sábado son 271 as hospitalizadas, con 50 críticas.
Naquela vaga os ingresos en Galicia chegaron a ser 1.452, a finais de xaneiro, aínda que había unha diferenza importante con este momento porque a maioría da poboación non estaba vacinada.
Novo falecemento
Nas últimas horas notificouse un falecemento no complexo hospitalario de Pontevedra (CHOP). Segundo informa o Sergas, o home de 75 anos presentaba patoloxías previas. Desde hai dous meses, cando os casos comezaban a subir, morreron 95 persoas coa covid.
