Publicador de contidos
Publicador de contidos

Exteriores convoca o encargado de negocios israelí polos ataques contra FINUL

Exteriores convoca o encargado de negocios israelí polos ataques contra FINUL

O Goberno tamén traslada o malestar polos "comentarios sobre España e os españois" do ministro de Exteriores israelí

Sánchez insta a Comisión Europea a actuar con coherencia e revisar o acordo UE-Israel

España, Francia e Italia expresan a súa indignación polos ataques israelís a FINUL

Polo menos 60 libaneses mortos e 168 feridos por ataques israelís nas últimas 24 horas

G24.gal 11/10/2024 17:09 Última actualización 11/10/2024 19:35

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación convocou este venres o encargado de negocios de Israel en España para trasladar a súa protesta polos ataques levados a cabo no último día polo Exército israelí contra posicións da Forza Interina da ONU no Líbano (FINUL). No seu continxente hai algo máis de 650 soldados españois.

O encargado de negocios é o máximo representante de Israel en España dado que o Goberno de Benjamin Netanyahu retirou ao seu embaixador o pasado mes de maio a raíz do recoñecemento de Palestina.

Precisamente, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou este venres a súa condena destes ataques en declaracións en Roma tras reunirse co Papa Francisco. "Parécenos algo absolutamente condenable, rexeitable, e que serve para lembrarnos a urxencia de que cese esta espiral de violencia no Líbano, en Gaza e en Cisxordania, e que poidamos, dunha vez por todas, atopar a vía diplomática para a resolución de conflitos en termos pacíficos", acoutou.

Sánchez insta a Comisión Europea a actuar con coherencia e revisar o acordo UE-Israel

Sánchez, instou á Comisión Europea a actuar con coherencia e constatar que se Israel non respecta o dereito internacional e os dereitos humanos nos que se basea o acordo de asociación coa Unión Europea "só hai un camiño: revisar ese acordo".

"Os acordos deben cumprirse na súa letra e o seu espírito e esa é a base da nosa credibilidade ante o mundo", manifestou Sánchez nunha declaración na cidade chipriota de Pafos, onde se reuniron os líderes dos países mediterráneos da Unión Europea (UE) coa crise de Oriente Medio no centro da axenda.

Sánchez lembrou que enviou unha carta con esa petición en febreiro á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, asinada xunto ao primeiro ministro irlandés, Leo Varadkar, e insistiu na necesidade de actuar: "Sexamos coherentes".

O Ministerio de Asuntos Exteriores xa emitira este xoves un primeiro comunicado de condena tras coñecerse que dous cascos azuis resultaran feridos polo disparo realizado por un tanque libanés contra un posto de observación no cuartel xeral de FINUL en Naqura, advertindo de que "os ataques sobre as operacións de mantemento da paz son unha gravísima violación do Dereito Internacional Humanitario".

Tras un segundo ataque rexistrado este venres, no que tamén resultaron feridos outros dous efectivos de FINUL, o Goberno fixo público un segundo comunicado no que "esixe a Israel que poña fin de inmediato a estes ataques, e que cumpra coas súas obrigacións derivadas do Dereito Internacional Humanitario e da Resolución 1701 do Consello de Seguridade".

Protesta polas declaracións contra España

A convocatoria tamén serviu para trasladar o malestar do Goberno cos comentarios recentes sobre España e os españois.

O ministro de Exteriores, Israel Katz, dixo que España era un "paraíso" para "demostrar odio e incitar á destrución de Israel" por permitir a celebración en Madrid dun acto da organización palestina Masar Badil, á que vincula coa Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), unha organización terrorista.

O luns, Albares xa sostivera que as declaracións de Katz estaban "fóra de todo lugar". "España é un país de tolerancia, é un país onde un pode por suposto vivir en liberdade e ter liberdade de expresión e onde calquera forma de incitación ao odio", incluído o antisemitismo, "non soamente é amplamente rexeitado por toda a sociedade española, senón que tamén está no Código penal", sostivo.

Neste sentido, lembrou a Israel que "España ten unha Fiscalía e ten uns xuíces", e que se alguén considera que se puido cometer calquera tipo de delito de incitación ao odio ou de antisemitismo, "pode acudir á Fiscalía".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade