Alain Delon, o gran mito do cine francés, morre aos 88 anos
Alain Delon, o gran mito do cine francés, morre aos 88 anos
En 2019 recibiu a Palma de Honra do Festival de cine de Cannes
Nos últimos anos a súa saúde deteriorouse tras dous accidentes cerebrovasculares
Francia chora a morte de Alain Delon. A lenda co cine francés e estrela internacional faleceu aos 88 anos na casa que tiña en Douchy. O actor tivo unha carreira prolífica chea de éxitos e foi protagonista de películas míticas como Rocco y sus hermanos, A pleno sol ou El gatopardo.
Deixa un legado de 122 películas e numerosos premios como o máximo galardón en Francia, un Cesar a mellor interpretación, un oso de ouro en Berlín e a Palma de Ouro de Honra en Cannes.
A morte dun mito
A familia explicou que o actor morreu serenamente na súa casa de Douchy, no centro de Francia. Hai tres anos puidemos velo apoiándose nun bastón durante o funeral polo seu amigo e rival, o tamén actor Jean Paul Belmondo.
Pero a súa ultima aparición pública foi en 2019 no Festival de Cine de Cannes, onde a súa filla lle entregou a Palma de Honra, que el mesmo cualificou de homenaxe póstuma á súa carreira de seis décadas e máis dun cento de películas.
Un recoñecemento con polémica tras algunhas declaracions homófobas, outras de apoio á ultradereita e tamén por admitir que pegou a mulleres.
Un Delon que por outra parte tamén decidiu pagar en segredo una residencia especializada en alzhéimer para que a súa amiga Annie Girardot pasase os últimos anos.
Claroscuros dunha vida que comezou en 1935 ás aforas de Paris. Aos catro anos, tras o divorcio dos pais, viviu cunha familia de acollida ata que a nai volveu casar. Na escola pasou por varias expulsións, unha fuxida da casa aos 14 anos, e a entrada no exército aos 17, durante a guerra de Indochina.
Foi estibador, camareiro, delincuente e ata gigoló, un mundo do que saíu grazas á relación cunha actriz. Iso, e o seu físico, axudáronlle a conseguir o primeiro papel. Despois chegaron A pleno sol, Rocco y sus hermanos e o Gatopardo, e a consagración de Delon como unha estrela do cine mundial.
Delon tamén foi moi famoso pola súa vida sentimental, na que destacan as actrices Romy Schenneider e Natalie Delon.
Ao final da súa vida, tras sufrir dous accidentes cerebrovasculares, o que máis transcendeu foron os enfrontamentos dos seus tres fillos sobre como debía ser atendido. Este mesmo ano, un xuíz ordenou a incautación das 72 armas do actor e nomeou un titor para xestionar a súa fortuna.