Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo acusa a Yolanda Díaz e a Pedro Sánchez de "tapar" as denuncias contra Errejón

Feijóo acusa a Yolanda Díaz e a Pedro Sánchez de "tapar" as denuncias contra Errejón

O grupo parlamentario de Sumar negocia quen será a súa nova voceira no Congreso

(Europa Press)
G24.gal 29/10/2024 15:12

O caso de Íñigo Errejón estoupou nun momento delicado para Sumar. A líder de facto, Yolanda Díaz, renunciou no verán ao seu cargo e unha dirección transitoria pilota o partido ata a asemblea de decembro. Agora, o grupo parlamentario tamén queda sen voceiro.

Segundo o coordinador de Sumar no Congreso, Txema Guijarro, "é un sentir xeral que sería bo que fose unha muller" pero recoñece que aínda non se chegou a un acordo entre as formacións integradas no Grupo Confederal.

Soan nomes como o de Aina Vidal, dos Comúns, ou a deputada por Pontevedra Verónica Martínez. Quen xa se autodescartou foi a voceira de Compromís, que pide cambios. Para Àgueda Micó, "o caso Errejón é unha oportunidade para reorganizar o grupo parlamentario".

E é que nas últimas horas xurdiron críticas ao funcionamento interno do grupo parlamentario. As máis duras, de Izquierda Unida. Segundo Antonio Maíllo, coordinador federal do partido, ata agora tomáronse "decisións verticais de arriba que non se compartían cos deputados".

Os partidos de esquerda recoñecen que o caso pode xerar desafección entre o seu electorado. Mertxe Aizpurua, voceira no Congreso de EH Bildu, está convencida de que "no plano emocional, afectou a toda a esquerda" aínda que descoñece "que consecuencias pode ter".

Porén, o Goberno limita os efectos do caso. Cre que non vai influír na súa relación cos socios porque se actuou correctamente. Para Pilar Alegría, voceira do executivo, houbo unha actuación "rápida, dilixente e contundente" por parte de Sumar.

Pero o PP recorda que Sumar si tivo coñecemento dunha primeira denuncia o ano pasado. Cre Alberto Núñez Feijóo que nin Pedro Sánchez nin Yolanda Díaz fixeron nada por intereses electorais. 

"O PSOE, sen o voto do señor Errejón e os de Más Madrid, non sería presidente do Goberno", asegurou o líder dos populares nunha entrevista en esRadio este martes. Na súa opinión, "isto víñalle ben tapalo á señora Yolanda Díaz e ao señor Sánchez".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade