Feijóo amosa o seu apoio "absoluto" á autovía Vigo-O Porriño
O presidente da Xunta critica nunha carta a Abel Caballero o "inmobilismo" do Goberno
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, respondeulle hoxe por carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que el apoia unha nova autovía entre Vigo e O Porriño. Feijóo di na misiva que o seu "apoio a esta infraestrutura foi, é e será absoluto", e lembra que así llelo fixo saber a todos os ministros de Transportes dos gobernos de Mariano Rajoy e Pedro Sánchez.
Feijóo engade que mentres non se faga esa infraestrutura, o Goberno debería eliminar a peaxe da autoestrada paralela para que os cidadáns non sigan pagando o inmobilismo, di, do executivo central. Feijóo pregúntalle a Abel Caballero se está de acordo con esta medida e pídelle que sexa activo trasladándolle estas reivindicacións ao Ministerio.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, tamén pide que as administracións sumen forzas para buscar unha alternativa á alta sinistralidade da autovía entre Vigo e O Porriño e reitera que a Xunta sempre apostou por unha nova autovía.
"Dende a Xunta nunca nos opuxemos; ao contrario. Pero queremos unha solución inmediata para a situación que estamos vivindo. Coido que temos que ter altura de miras e remar todos", dixo a delegada da Xunta.