Publicador de contidos
Publicador de contidos

Feijóo dirá en maio cando deixa a Xunta para dedicarse ao PP en exclusiva

Feijóo dirá en maio cando deixa a Xunta para dedicarse ao PP en exclusiva

Feijóo di que é consciente de que estas dúas tarefas necesitan de "tempo completo"

O presidente da Xunta resta importancia a non poder estar no Congreso dos Deputados para liderar a oposición

Núñez Feijóo inicia este venres en Murcia a campaña da súa candidatura para presidir o PP
G24.gal 07/03/2022 11:31

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Fejóo, que aspira a presidir o Partido Popular, desvelará a partir de maio cantas "semanas ou meses" tardará en deixar o Goberno de Galicia para dedicarse en exclusiva a liderar o principal partido da oposición tras relevar a Pablo Casado.

Nunha entrevista con Antena 3 admitiu que os dous cargos -presidente da Xunta e presidente do PP- poderían compatibilizarse durante "moito tempo", aínda que non o fará porque é consciente de que estas dúas tarefas necesitan de "tempo completo".

"As semanas ou meses que tarde en incorporarme exclusivamente á presidencia do PP no caso de gañar o congreso verémolo a partir do mes de maio", afirmou Feijóo.

Ademais, restou importancia a non poder estar no Congreso dos Deputados como líder da oposición, porque ao seu xuízo pola fragmentación e a falta de debate a Cámara Baixa perdeu "vida útil".

O presidente da Xunta anunciou que a partir do venres viaxará ás comunidades autónomas para facer campaña ante a súa elección como novo líder do PP os días 1 e 2 de abril no XX Congreso Nacional da formación en Sevilla.

Sobre este congreso, Feijóo dixo desexar máis candidaturas porque serían un signo de normalidade. Apuntou que, a diferenza de 2018, cando outros deron o paso, agora búscase fichar a un "político da casa, que non vai improvisar" e os presidentes autonómicos puxeron o foco en Galicia e danlle o seu aval.

Feijóo, que considera que Casado non soubo unir a un partido "dividido" tras a moción de censura contra Mariano Rajoy, sinalou que a crise no PP foi desde as bases, non desde a cúpula, e que ante a "insubmisión" de militantes e baixas no partido, buscouse un "exercicio de autoprotección" para frear a "hemorraxia".

Ademais, negou que ao pedir expulsións a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, pedise "cabezas". "O que pediu é respecto á súa persoa e algo tan elemental como presunción de inocencia", recalcou e negou ilegalidades nos contratos do Goberno madrileño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos