Feijóo presume de sucesor e di que a maioría absoluta de Rueda "será a primeira doutras moitas"
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, presumiu este sábado de saber facer a sucesión en Galicia á fronte da Xunta e do partido e díxolle a Alfonso Rueda, cando se cumpre o primeiro ano da súa absoluta, que esa maioría "será a primeira doutras moitas".
"Acompañarémoste nas seguintes", así se dirixiu a el no MultiÚsos Fontes do Sar, onde, segundo o partido, congregaron para este acto 2.500 persoas, e salientou Feijóo que Rueda foi a persoa "adecuada", no lugar "adecuado" e no momento "adecuado".
"Galicia funciona. Sábeo toda España", salientou o dirixente dos populares, e é así porque ten "unha Xunta que está á beira da xente". "Rueda está a facelo moi ben. E dígoo de verdade", subliñou.
"Aquí hai unha axenda: é unha axenda das necesidades da xente e non dos escándalos do Goberno", expuxo Feijóo como clave dese éxito que enxalzou.
A celebración iniciouse ao mediodía e a ela asistiron os membros do Goberno galego e representantes provinciais e municipais.
Feijóo, dixo que o Goberno de Pedro Sánchez é un "sinistro total", que "non dá nin unha" e atópase "cheo de avarías". Acusou ao xefe do Goberno, Pedro Sánchez, de ser “cómplice” das decisións de mandatarios internacionais que prexudican a España e comprometeuse a mellorar a política exterior se alcanza a presidencia do país.