Máis dun milleiro de alauítas, a etnia de Al-Ásad, asasinados en Siria nunha semana
Pertencen á minoría alauíta, un grupo xiíta que representa arredor do dez por cento da poboación
Tras a caída de Al-Ásad, están no punto de mira dunha parte da maioría sunita do país, e tamén do novo goberno de transición
Os musulmáns sirios refuxiados no Líbano estes días pódense considerar afortunados. Pertencen á minoría alauíta, un grupo xiíta que representa arredor do dez por cento da poboación. É a etnia do exditador e líder do país Bachar Al-Ásad. Os alauitas son monógamos e non instan as súas mulleres a levar o hiyab ou veo islámico. Tras a caída de Al-Ásad, están no punto de mira dunha parte da maioría sunita do país, e tamén do novo goberno de transición.
"Está a haber mortos, moitos mortos. Cristiáns menos, a maioría son alauítas. Estamos ante unha guerra étnica", conta o franciscano Fadi Azar.
Segundo o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos, na última semana arredor dun milleiro de alauítas foron executados. Desde a cidade de Latakia, Azar explica que os cristiáns sirios están no medio destas matanzas en que participan tamén fundamentalistas liberados nos últimos meses, tras o exilio de Al-Ásad en Rusia.
"Nós acollemos dúas familias que están na parroquia con nós, pero non puidemos atender outros moitos porque non temos nin auga nin electricidade."
Esta nova vaga de violencia estoupou hai cousa de dez días, despois de que un grupo leal a Al-Ásad emboscara as forzas de seguridade en Latakia e Jableh. A situación en Siria tras case 15 anos de guerra civil é devastadora.
"Siria está nunha encrucillada. Precisa axuda para se reconstruír tras tantos anos de conflito, que destruíu a economía e as infraestruturas. O 90 por cento da poboación precisa axuda", di Celine Schmitt, voceira de ACNUR, Nacións Unidas.