Feijóo propón aumentar ata os 1.800 euros a dedución fiscal por fillo
Feijóo propón aumentar ata os 1.800 euros a dedución fiscal por fillo
Tamén propón que as escolas infantís sexan gratuítas en toda España
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, propuxo aumentar un 50 por cento as deducións fiscais por fillo para chegar ata os 1.800 euros, así como que as escolas infantís sexan gratuítas en toda España, unhas medidas que están contempladas na Lei de Conciliación que o seu partido presentará nos próximos días.
Feijóo deu a coñecer estas propostas nunha intervención en Barcelona, na que o líder popular tamén defendeu "blindar por lei" que as familias numerosas teñan unha bonificación do 45 por cento do gasto de coidadores de fillos para os casos de divorcio con custodia compartida.
O líder popular considerou que esa a Lei de Conciliación, que expuxo a poucos metros da Delegación de Facenda en Cataluña, será "a máis avanzada" nesta materia e, sobre as deducións fiscais por fillo, lembrou que en España hai 25 anos que non se incrementan.
Segundo Alberto Núñez Feijóo, trátase de "apostas esenciais en materia de conciliación, como xa o son nalgunhas comunidades autónomas nas que goberna o PP", e avogou, neste sentido, por estender a gratuidade das escolas infantís a toda España.
A proposta do PP pasa por que o Estado asuma o 50 por cento deste gasto, mentres que o outro 50 por cento o paguen as comunidades autónomas.
Feijóo dixo estar convencido de que "para as familias catalás é moito máis prioritario que as escolas infantís sexan gratuítas en Cataluña que abrir embaixadas". "É preferible destinar o diñeiro dos seus impostos a isto, que non incrementar de forma exponencial a administración paralela da Generalitat", engadiu.
Outra medida que o PP inclúe na súa lei comporta "aumentar os permisos de maternidade e paternidade de 16 a 20 semanas e que as nais e pais poidan decidir cando dispoñer destes permisos", explicou Núñez Feijóo.
No mesmo acto, o líder do PP catalán, Alejandro Fernández, preconizou que "se fale máis de familias e de conciliación" que doutras cousas e lembrou que o presidente da Generalitat, Salvador Illa, creou unha nova consellería de Política Lingüística.
"Está no seu dereito -admitiu-, pero deixou a área de familias como unha secretaría e con isto traslada unha mensaxe sobre cales son as súas prioridades políticas".
Para o PP catalán, "as políticas de familia merecen unha consellería propia" e isto xa figuraba no seu programa electoral, lembrou tamén Alejandro Fernández.