Félix García: "Todas as empresas da automoción teñen que cumprir as mesmas regras de xogo"
Félix García: "Todas as empresas da automoción teñen que cumprir as mesmas regras de xogo"
O director de Comunicación de Anfac avoga por penalizar as importacións a Europa de coches eléctricos das multinacionais da China que reciben subvencións públicas
Teme un "aumento do prezo dos coches eléctricos que veñan da China" se se converte en definitiva a suba de aranceis propostos por Bruxelas
Pídelle ao Goberno "axudas directas" a particulares e empresas para incentivar a compra de coches e furgonetas eléctricas en España
O director de Comunicación de Asociación Nacional de Fabricantes de Vehículos (Anfac), Félix García, avoga por penalizar as multinacionais da China que exportan os seus coches eléctricos a Europa despois de recibir grandes subvencións das autoridades dese país asiático.
Nunha entrevista no programa Galicia por diante da Radio Galega, García manifestou que "o que queremos é que prevaleza a liberdade de mercado [...], somos partidarios do libre mercado, sempre e cando todos os axentes presentes no xogo teñamos a mesmas regras, as mesmas condicións, as mesmas vantaxes e as mesmas desvantaxes: dereitos e obrigacións. Se, como di a Comisión Europea, nunha investigación que aínda non está pechada e cuxas medidas anunciadas onte son provisionais, se alguén rompe esa regra de xogo, ten que asumir unhas consecuencias".
A Comisión Europea anunciou aranceis de entre un 17 e un 38 por cento ás importacións de coches eléctricos procedentes da China, ao sinalar que reciben grandes subvencións públicas que "danan" a competencia das compañías europeas. Afectaría tres multinacionais chinesas como BYC, Geely e SAIC e empezaría a aplicarse de xeito provisional a partir do 4 de xullo e de maneira definitiva en novembro. A medida require da aprobación dos estados membros, con Francia liderando os países que queren implantar aranceis ás importacións europeos de coches eléctricos chineses e Alemaña abandeirando a oposición á medida.
A Comisión Europea segue investigando se hai vantaxe competitiva
Desde a patronal Anfac, Félix García avanza que "evidentemente [a suba do arancel] é un condicionante moi elevado para que nese custo non se vexa traducido nun aumento do prezo dese vehículo que veña da China". Aclara que o que propón a Comisión Europea "é unha medida provisional que agora está aberta a alegacións das empresas afectadas e cuxa resolución definitiva se fará a primeiros de novembro. Aínda hai marxe para que estas empresas chinesas poidan demostrar que non recibiron esas subvencións públicas que lle darían unha vantaxe competitiva, que é o que está investigando a Comisión Europea".
Sobre se houbo efectivamente competencia desleal, Félix García considera que "é moi difícil sabelo porque nós non sabemos e pouca xente sabe as contas dunha empresa se esta empresa non as fai públicas. Os investigadores da Comisión [Europea] están pedindo esas posibles subvencións e, naqueles casos nos que atopase colaboración [coas autoridades comunitarias], como así explica a Comisión, o arancel será dun 17 % como no caso de BYD, e noutros no que non existiu colaboración é dun 38 % como no caso de SAIC. É moi complexo porque se non hai unhas contas públicas e auditadas é moi difícil saber. Para iso está a investigación da Comisión desde outubro tratando de recompilar información".
A demanda escasa do coche eléctrico
Sobre a escasa demanda do coche eléctrico, o director de Comunicación de Anfac explica que "en España está ocorrendo que vehículos puros (100 % eléctricos) como o Peugeot 2008 e as furgonetas que se fabrican en Vigo estanse vendendo a un ritmo moi lento. O pasado maio a cota de mercado deste tipo de vehículos foi só dun 4,6 % en toda España".
Indica que "isto significa que no que vai de ano levamos apenas uns 45.000 vehículos eléctricos e híbridos enchufables. Isto é moi pouco porque se queremos cumprir os obxectivos que nos marca o Goberno a través do PNIEC (Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima) para o 2030 ese plan esixe que haxa 5,5 millóns. Se vendemos 45.000, non chegamos a 5,5 millóns nunca, e menos no 2030. Desde o sector pedímoslle ao Goberno que se dicimos que cumprimos os obxectivos do PNIEC 2030, o "Fifty five" no 2035 cando, segundo a Unión Europea, non se poderán vender vehículos que non sexan cero emisións, que non emitan ningún contaminante polo tubo de escape na Unión Europea. Para iso, temos que vendelos. É necesario dar axudas directas ao cidadán e, sobre todo, ás empresas para que compren esas furgonetas eléctricas". "O que perdemos os españois e os europeos é vantaxe competitiva con respecto á China ou aos Estados Unidos, que están incentivando o vehículo eléctrico, sen fritir a multas ou a sancións aos fabricantes. Nin tampouco aos cidadáns", afirma Félix García.
Política industrial
Sobre os fondos Next Generation, asegura que "é unha panca moi boa que permitiu atraer investimentos. Por exemplo, a xigafactoría de Volkswagen en Sagunto, que o Grupo Volkswagen fabricará en Navarra e en Martorell cinco modelos 100 % eléctricos, Mercedes-Benz en Vitoria vai investir máis de 1.000 millóns para unha furgoneta 100 % eléctrica, Stellantis opta a algunhas cousas en Vigo e xa fabrica vehículos 100 % eléctricos. Esta é unha moi boa panca e nós agradecemos enormemente o esforzo que fixo o Goberno.
Neste senso, o director de Comunicación de Anfac di que "o que necesitamos agora é unha aposta decidida por unha política industrial que permita a España seguir sendo competitiva. España ten que ver no vehículo eléctrico unha oportunidade. Somos o país que máis sol ten de Europa: 300 días ao ano. Temos aire, vento, auga. Podemos xerar unha enerxía renovable a un prezo accesible que abarate os custos de produción. Temos un parque loxístico e de provedores punteiro a nivel mundial, que abarata os custos. Se tamén atraemos plantas de baterías reduciremos a pegada medioambiental, tan importante para as aspiracións da Unión Europea".