Publicador de contidos
Publicador de contidos

Filipe VI concédelle o Vélaro de Ouro á raíña Sofía pola súa entrega e dedicación a España

Filipe VI concédelle o Vélaro de Ouro á raíña Sofía pola súa entrega e dedicación a España

O Boletín Oficial do Estado publica este venres o real decreto da Xefatura do Estado que concede esta distinción á nai do rei

 

 

Filipe VI, a princesa Leonor e a raíña Sofía pouco antes da cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Asturias en Ovieu (Arquivo / José Ruiz / Europa Press) Filipe VI, a princesa Leonor e a raíña Sofía pouco antes da cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Asturias en Ovieu (Arquivo / José Ruiz / Europa Press)
G24.gal 10/01/2025 09:35

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este venres un real decreto do pasado 29 de outubro da Xefatura do Estado polo que se concede o Colar da Insigne Orde do Vélaro de Ouro á raíña Sofía de Grecia.

Con esta distinción, Filipe VI recoñece publicamente a dedicación e entrega da súa nai ao servizo de España e da Coroa.

"Querendo dar testemuño do meu real aprecio á Súa Maxestade a raíña Dona Sofía e recoñecer publicamente a súa dedicación e entrega ao servizo de España e da Coroa, oído o Consello de Ministros, veño a conceder a miña nai, a Súa Maxestade a raíña Dona Sofía, o Colar da Insigne Orde do Vélaro de Ouro", sinala o BOE.

O real decreto está asinado pola vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda María Jesús Montero, "por suplencia" do presidente do Goberno Pedro Sánchez.

O Vélaro de Ouro naceu como unha orde de Cabalería en 1430, creada polo duque de Borgoña con motivo do seu matrimonio con Isabel de Portugal.

A distinción consta dun colar de ouro coas armas dos duques de Borgoña do cal colga o mítico vélaro de ouro.

Os seus símbolos fundamentais son o carneiro de ouro que pende do colar e o dobre B que forma cada un dos seus elos, dúas letras enfrontadas como pedernais das que xorden chamas en representación do fulgor e a rapidez na guerra.

Ao non ter carácter hereditario, debe ser devolto á morte do titular que o posúa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade