PP e PSOE comparten o chamamento á serenidade da mensaxe de Nadal de Filipe VI
PP e PSOE comparten o chamamento á serenidade da mensaxe de Nadal de Filipe VI
Sumar, Podemos e nacionalistas cataláns e vascos cuestionan a mensaxe do monarca
Filipe VI lembra os afectados pola dina e pide serenidade na contenda política
PP e PSOE celebran que o rei fixera un chamamento á serenidade no debate político, pero ningún dos dous grandes partidos se dá por aludido.
Os populares senten o discurso do monarca como seu e os socialistas cren "necesario que o ruído cese".
Cristina Narbona, presidenta do PSOE, cre preciso "acadar consensos no esencial máis aló das lexítimas discrepancias políticas".
Para Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP, "só os que rexeitan o ben común, a solidariedade e a serenidade pode desgustarlles unha mensaxe así".
Pois a quen lle desgustou a mensaxe foi a Sumar. Os de Yolanda Díaz cualifícano de "decepcionante" e "dereitizado". Coinciden con Podemos nas críticas. "O discurso de Filipe VI onte foi o discurso do máximo representante da ultradereita, cada día que pasa parece máis un deputado de Vox que o xefe do Estado", asegurou MaríaTeresa Pérez, voceira de Podemos.
Tampouco gustou aos partidos nacionalistas. Junts cualifica o discurso de "irrelevante" e "sen credibilidade". O presidente de ERC, Oriol Junqueras, asegurou que non teñen costume de escoitalo "porque Filipe VI foi o protagonista dun discurso no que aplaudía as malleiras que se daban aos votantes en 2017".
Pola súa banda, o PNV criticou a "visión idílica" que o Rei, din, ten da Constitución.
Filipe VI comezou o discurso de Nadal lembrándose das vítimas da dina. Outra parte do discurso centrouno nas mensaxes á clase política. Pediulles baixar o ruído, escoitar a demanda de serenidade da cidadanía e buscar consensos. E puxo como exemplo dese consenso a última reforma da Constitución, apoiada por todos os grupos, excepto Vox.
O rei tamén se referiu aos temas que máis preocupan os cidadáns: pediu solucións que faciliten o acceso á vivenda e unha xestión adecuada da inmigración.
A deste ano foi unha mensaxe especial para o Rei, pola escenografía e o contido. Volveu ao Palacio Real para celebrar o décimo aniversario do seu reinado.
Desde o primeiro acorde do himno, notábase que o deste ano, era unha mensaxe especial.
É a segunda ocasión en que o monarca elixe este escenario para o seu discurso. En 2015 grabárase no Salón do Trono e, desde entón, fora sempre en Zazuela.
Ao seu carón, sobre unha mesa de madeira da época de Carlos III, unha foto coa imaxe do esforzo conxunto de afectados, voluntarios e membros das forzas Armadas axudando a limpar lodo trala riada. Na mesma mesa un exemplar da Constitución e detrás, as bandeiras de España e da Unión Europea.
Ao contrario que pasara en 2015, cando prescindira de adornos de Nadal, nesta ocasión si había unha árbore de Nadal e un nacemento que forman parte da colección privada da Familia Real.
Despois volveu soar o himno sobre unha imaxe que os monarcas compartiron con motivo do 20 aniversario da súa voda. Unha foto de familia na que aparecen coas súas fillas nos xardíns do coñecido como Campo do Moro, do Palacio Real.