Flamenco 'made in Galicia' no último videoclip de Bryan Adams
Flamenco 'made in Galicia' no último videoclip de Bryan Adams
O músico gravou o novo videoclip de "Have you ever really loved a women?" nun bar de Vigo
Bryan Adams elixiu a Academia de Flamenco de María Rial de Vigo para o novo vídeo da súa xira mundial
Vigo protagoniza o último videoclip de Bryan Adams. O músico gravouno nun bar da cidade e para recrear o ambiente flamenco da canción contou cun grupo de bailarinas dunha escola de danza local. Tamén con moitos fans que esperaron ás portas para ver o seu ídolo e agora poderán verse no vídeo da canción.
Hai oito anos que María Rial apostou polo flamenco en Vigo. Ten alumnos de tres a mais de setenta anos. O seu bo facer chamou a atención de Bryan Adams, que elixiu a súa academia para dar aires flamencos á nova versión do tema que aparecía en Don Juan de Marco, en 1995. Só tiveron un día para preparalo, pero pronto se decataron de que Bryan Adams coñecía o seu traballo e quería, sobre todo, naturalidade.
O videoclip gravouse nun pequeno bar das Travesas, A batalla de Rande, e nel aparecen os donos e mesmo o clientes que estaban no bar no momento en que chegou o músico co seu equipo. Foi o pasado 19 de xullo, dúas horas antes do concerto, para sorpresa da xente que estaba na rúa.
O Vigo mais flamenco filtrado entre Bryan Adams e María Rial nun vídeo en que tamén aparecen os seguidores que ateigaban a entrada do bar cando souberon que estaba alí a estrela canadense.