Francia conmemora os 80 anos da liberación de París dos nazis, con lembranza aos españois de La Nueve
Francia conmemora os 80 anos da liberación de París dos nazis, con lembranza aos españois de La Nueve
Francia conmemora os 80 anos da liberación de París dos nazis, con lembranza aos españois de La Nueve
Os soldados de 'La Nueve', encabezando a División Leclerc, foron os primeiros en entrar na capital francesa, en chegar ao Concello e forzar a capitulación
O seu papel dista moito de seren recoñecido, pero a súa memoria está a ser rescatada nos últimos anos
Durante a fin de semana Francia rememorou a fin da ocupación nazi con distintos actos
Francia lembrou este domingo os españois que tiveron unha contribución decisiva en liberar París da ocupación hai 80 anos, nunha cerimonia nacional que evocou o espírito da cidade tras catro anos baixo o xugo nazi.
A cerimonia buscou resaltar a unidade nacional ante o ocupante, pero sen deixar de denunciar a colaboración da extrema dereita francesa cos nazis nin o papel cómplice do réxime de Vichy coa detención e envío a campos de concentración dos xudeus franceses.
"Os soldados de La Nueve abriron a primeira fenda, entraron pola porta de Italia e chegaron á praza do Concello. As campás de París anunciaron aos parisienses e ao mundo a liberación", lembrou a alcaldesa da cidade, Anne Hidalgo, na súa intervención.
Os españois estaban encadrados en La Nueve, a novena compañía do Rexemento de marcha de Chad, integrante na 2 División Blindada (2DB) do Exército francés, e chamada así porque case todos os seus membros eran republicanos exiliados tras o final da guerra civil española.
La Nueve chegou a París na noite do 24 de agosto de 1944 e a súa participación foi decisiva na rendición da guarnición alemá, ao día seguinte, xa que a revolta lanzada pola resistencia iniciada o día 19 non tiña posibilidades de éxito pola súa falta de armas e municións.
"Distinguíronse polo seu valor". "Estes republicanos chegados de España eran anarquistas, socialistas e comunistas. Estaban comandados polo capitán Dronne e distinguíronse polo seu valor. Chegaron os primeiros ao Concello e móstrannos, aínda hoxe, que a condición humana non sofre de ningunha fronteira", engadiu Hidalgo.
O presidente Emmanuel Macron lembrou tamén "os republicanos españois de La Nueve", aínda que se estendeu en mencionar igualmente os soldados franceses do interior e do exterior, as tropas coloniais e os aliados que fixeron posible a liberación.
"Facía falta liberar París e facelo rapidamente", xa que "París non debía arder, como ordenara Hitler", destacou Macron sobre as instrucións do ditador nazi para arrasar a capital francesa se entraban os aliados.
Á cerimonia, celebrada na praza de Denfert-Rochereau, en cuxo subsolo estaba o posto de mando do coronel Henri Rol, xefe da resistencia en París e líder da revolta popular lanzada o 19 de agosto de 1944, asistiu tamén Ángel Víctor Torres, ministro de Política Territorial e Memoria Democrática de España.
"París non esquece". Hidalgo lembrou que, aínda que París viviu "1.533 días de ocupación, privacións, humillacións e sufrimentos, de antisemistismo, colaboración e delación", pero "París non esquece nada", como os 50.000 xudeus franceses "deportados e exterminados" nos campos nazis. "Renovamos toda a nosa promesa (...): Non esquecer nunca o espírito de resistencia dos combatentes da liberación", afirmou.
Torres, Hidalgo e os presidentes das dúas cámaras lexislativas francesas tamén participaron anteriormente noutra cerimonia, ante o monumento ao xeneral Leclerc, comandante da 2DB en 1944, e que está situado na porta de Orleáns, un dos puntos polos que entraron as tropas francesas.
Alí, o xeneral retirado Jean Paul Michel, presidente da asociación de antigos membros da 2DB, pediu un "compromiso" para "continuar a conmemoración deste aniversario" en memoria dos 1.687 soldados da división que morreron "pola liberación de París e a de Francia".
Tamén tivo lugar hoxe outro pequeno acto ante a sepultura de José Manuel Barón Carreño, un dos líderes da Agrupación de Guerrilleiros Españois, que foi un dos primeiros mortos nos combates do 19 de agosto de 1944, primeiro día da sublevación de París contra a ocupación.
A ofrenda floral na tumba de Barón, no cemiterio parisiense de Pantin, é unha tradición anual desde 2017, cando se inaugurou unha placa histórica en recordo seu no lugar no que caeu mortalmente ferido aos 26 anos, no cruzamento do boulevard Saint Germain coa rúa Villersexel, moi preto da Asemblea Nacional.