Francia decide na segunda volta se lle dá o poder á ultradereita de Marine Le Pen
Francia decide na segunda volta se lle dá o poder á ultradereita de Marine Le Pen
O dato de participación, no primeiro avance das 12:00 horas, era do 26,63 %, o máis alto en varias décadas
As proxeccións de escanos coinciden en que a ultradereita logrará a vitoria, pero lonxe da maioría absoluta
Case cincuenta millóns de persoas poden participar este domingo na segunda volta dunhas eleccións lexislativas transcendentais para Francia e, en boa medida, para o resto de Europa. Deben decidir se permiten por primeira vez a chegada ao goberno da ultradereita de Marine Le Pen.
O dato de participación, no primeiro avance das 12:00 horas, era do 26,63 %, o máis alto en varias décadas, segundo o Ministerio do Interior. Nos comicios de 2017, foi do 18,99 %. Na primeira volta do pasado domingo, a participación alcanzara o 25,9 % á mesma hora.
As mesas electorais abriron á 8:00 horas e pecharán ás 18:00 nas poboacións máis pequenas, ás 19:00 en cidades medianas e ás 20:00 nas cidades grandes. Na maioría dos territorios de ultramar xa votaron.
En xogo están 501 deputados en competicións individuais por circunscrición, despois de que 76 candidatos xa lograran ser elixidos na primeira volta do domingo 30 de xuño ao alcanzar polo menos o 50 % dos votos.
A ultradereita da Agrupación Nacional (RN) e os seus aliados lograron unha folgada vitoria na primeira volta, cun 33,3 % dos votos e 39 deputados xa elixidos, fronte ao 28,2 % da Nova Fronte Popular (NFP) de esquerda (31 escanos) e o bloque macronista de centrodereita (20 % e dous deputados).
Cordón sanitario
Durante esta semana, máis de 200 candidatos macronistas e da esquerda retiráronse da segunda volta para que outro aspirante mellor situado teña máis posibilidades de lograr o escano fronte a un rival ultradereitista.
Iso reduciu o número de circunscricións de 306 a 89, que se decidirán entre tres candidatos , ademais doutras dúas con catro aspirantes. Haberá outros 409 duelos tradicionais entre dous candidatos e, nunha circunscrición, só hai un candidato despois de que o seu rival se retirara.
As proxeccións de escanos para a segunda volta coinciden en que a ultradereita logrará a vitoria e con moito o seu mellor resultado histórico, pero lonxe da maioría absoluta que parecía lixeiramente posible na primeira volta.
Mesmo o rango máis baixo das proxeccións para o RN e o máis alto da esquerda podería deixar ambos os dous bloques moi próximos, segundo advirten as empresas de demoscopia.
Proxeccións do venres
As enquisas apuntan a unha nova vitoria dos ultradereitistas da Agrupación Nacional, pero a unión da esquerda na Nova Fronte Popular, xunto cos centristas de Macrón, poderían impedir a chegada á presidencia do goberno do xovencísimo candidato da ultradereita, Jordan Bardellá.
"Dígoche que á miña idade dáme vergoña ser francesa. O país estase volvendo... a xente non soporta os demais, é un egoísmo total... Nestes tempos prefiro ter a miña idade que ter 25 ou 30 anos", dicía Claudine Pottier, despois de votar en París.
"Por que non vou votar a quen me gustaría votar, para que haxa cambios, porque neste país hai demasiado relaxamento, temos que arranxar moitas cousas", sinalaba Marie Christiane, tamén veciña de París.
"É un día importante, cunha votación decisiva. Agardo que non gañe a Agrupación Nacional", engadía Dominique Surmano.
As novas proxeccións a partir de resultados parciais e sondaxes a pé de urna divulgaranse ás 20:00 horas, inmediatamente despois do peche das urnas nas grandes cidades.
Alta participación
A participación na primeira volta foi moi alta, cun 66,71 % (hai dous anos foi só do 48,70 na primeira e do 42,64 % na segunda).
A elevada motivación do electorado e os chamamentos a unha mobilización por parte dos partidos políticos poden facer que a participación deste domingo supere tamén o 60 %, segundo as sondaxes.
A probable falta de maioría absoluta e a complicada composición da Asemblea Nacional que se prevé poden facer difícil a gobernabilidade de Francia, máis aínda nun país onde non hai tradición de coalicións.