Francisco Almuíña: o primeiro guía turístico cego
Francisco Almuíña: o primeiro guía turístico cego
Ten unha casa de turismo rural na Ribeira Sacra e guía os seus clientes para que coñezan os encantos da zona
Para Francisco non hai discapacidades, senón capacidades diversas
É unha historia de superación. A de Francisco Xabier Almuíña, un enfermeiro de Taboada que quedou cego nun accidente laboral e fíxose guía turístico. Non poder ver non é para el un impedimento, os clientes axúdanlle a superar os camiños e el ensínalles todos os seus coñecementos sobre A Ribeira Sacra. Un acompañamento mutuo.
"Eu era enfermeiro, traballaba no hospital Meixoeiro de Vigo, en psiquiatría, un paciente deume un golpe un día e perdín o ollo, a raíz de aí tiven que cambiar de vida".
E reinventouse, restaurou na Ribeira Sacra este casarío labrego do século XVI para dedicarse ao turismo rural. Como el di, pasou do ámbito hospitalario á hospitalidade e acabou converténdose en guía turístico.
"Eu son cego para ver o camiño pero as persoas que me acompañan son descoñecedoras da paisaxe, das lendas, dos contos. Entón é un acompañamento mutuo".
E é que para Francisco non hai discapacidades, senón capacidades diversas. Non hai co que non se atreva, cego aprendeu moitas cousas, entre elas a tocar a zanfona. Reivindica un turismo consciente, ao pé da lareira, ensínalles aos seus clientes a gozar con calma dos pequenos praceres das aldeas.