O PSOE comunica a expulsión provisional dos catro edís de Santiago enfrontados coa dirección local
O PSOE comunica a expulsión provisional dos catro edís de Santiago enfrontados coa dirección local
Os catro concelleiros non asumen a súa condición de non adscritos ao entender que a resolución non é firme, polo que o concello non os expulsa do grupo municipal
Bugallo ve "tremenda" a crise: "É leninista e non socialista outorgar o poder ao aparato"
Se a expulsión é definitiva pasarán a ser non adscritos na corporación municipal, o que lles implicará a perda das asignacións económicas que ata o de agora tiñan atribuídas
A dirección federal do Partido Socialista acordou a expulsión provisional dos catro edís do Concello de Santiago enfrontados á dirección local, Gonzalo Muíños, Milagros Castro, Marta Álvarez e Mercedes Rosón.
A Comisión Executiva Federal ratificou a expulsión provisional de Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez Vázquez pola súa "negativa para nomear ao portavoz municipal acordado pola dirección local" -Gumersindo Guinarte-. Tamén acorda a expulsión do concelleiro Gonzalo Muíños, que xa fora suspendido 18 meses de militancia, pola súa negativa para acatar a resolución do expediente e permanecer no cargo de portavoz en contra do criterio do partido.
Tal e como sinalou a dirección provincial do PSOE na Coruña, esta decisión enmárcase no establecido no artigo 95.1 dos estatutos do PSOE, que "permite a expulsión provisional do partido cando se actúe "en contra de acordos expresamente adoptados polos órganos de dirección", así como cando "se produzan supostos de actuacións gravemente irregulares que a xuízo da Comisión Executiva Federal merezan tal medida".
Os concelleiros non asumen a súa condición de non adscritos
Os catro concelleiros non asumen a súa condición de non adscritos ao entender que a resolución non é firme polo que o concello non os expulsa do grupo municipal.
Nun comunicado, inciden en que, ao seu xuízo, manteñen a súa condición de concelleiros socialistas en base ao informe técnico-xurídico, da secretaria municipal. Un injformque considera que “non terán a condición de ‘non adscritos’ os concelleiros que non fosen sancionados coa expulsión firme do partido".
Así as cousas, entenden que Gonzalo Muíños “mantén inalterada a súa condición de concelleiro do Grupo Municipal Socialista e, por tanto, tampouco se atopa xustificación algunha para efectuar un cambio de portavoz (ordenado) desde a dirección local”.
Por iso, ven “incongruente” que agora a dirección federal do partido pretenda expedientar ás concelleiras Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez por non apoiar o nomeamento doutro portavoz cando Muiños aínda non deixou de selo.
“É incomprensible que se adopte a medida de expulsión provisional cara a tres concelleiras por non acudir a unha convocatoria ilexítima”, remarcan no comunicado, á vez que sosteñen que as directrices que se pautan desde a organización puideran supoñer algunha vulneración dos dereitos fundamentais dun concelleiro ou concelleira.
Bugallo: "É leninista e non socialista outorgar o poder ao aparato"
O exalcalde socialista de Santiago Xosé Sánchez Bugallo tachou de "tremenda" a situación que vive o PSOE na capital galega.
Nunha publicación na rede social 'X', Bugallo tamén sinalou como "tremenda" a "frustración de miles de votantes socialistas". "Sempre crin, e sigo crendo, que é leninista e non socialista outorgar o poder ao aparello partidista por encima da representación elixida polos cidadáns", reflexiona.
Tremendo o que se está a vivir no PSOE en Compostela.
— Xosé Sánchez Bugallo (@XSanchezBugallo) January 24, 2025
Tremenda a frustración de miles de votantes socialistas.
Sempre crin, e sigo a crer, que é leninista e non socialista outorgar o poder ao aparato partidista por enriba da representación elixida polos cidadáns.
🧵1/3
Ademais, expón que "a desafección" que na súa opinión está a producirse "cos partidos e a propia democracia" ten que ver con "o desgusto da cidadanía cun modelo partidista que sente e actúa en función dos seus propios intereses".
Neste contexto, o ex rexedor compostelán considera que "de resolverse este conflito ao máis alto nivel, transmitirase unha mensaxe infinitamente máis clara e poderosa que calquera declaración política".
Tres días para presentar alegacións
Os catro concelleiros teñen agora un prazo de tres días para poder facer chegar ao instrutor designado pola Executiva Federal as alegacións e probas de descargo que estimen oportunas. Pasado este prazo, o partido sinala que actuará de acordo ao disposto no regulamento, que recolle que poderá ser ratificada a expulsión, elevándoa a definitiva; poderase converter a suspensión provisional en suspensión cautelar da militancia remitindo as actuacións ao órgano competente para a tramitación do expediente disciplinario; ou ben o sobresemento do expediente e o arquivo das actuacións.
A dirección provincial sostén que as sancións polas que se motiva a expulsión enmárcanse no incumprimento de faltas graves e moi graves da normativa socialista, fundamentalmente a "obstrución ao labor e decisións dos órganos do partido" e "actuación, por acción ou omisión, en contra de acordos adoptados polos órganos de dirección do partido que afecten as institucións".
A maiores, no caso do concelleiro Gonzalo Muíños tamén se inclúe a sanción "moi grave" de desempeñar cargos públicos ou asimilados sen a autorización expresa dos órganos competentes do partido.
Perda das asignacións económicas
Se a expulsión é definitiva os concelleiros pasarán a ser non adscritos na corporación municipal compostelá, o que lles implicará a perda das asignacións económicas que ata o de agora tiñan atribuídas, aínda que si terán dereito a dietas.
Ata o momento, conforme sinalaron fontes consultadas por Europa Press, Gonzalo Muíños como portavoz tiña unha dedicación exclusiva no Concello, mentres que Mercedes Rosón e Milagros Castro ostentaban unha dedicación parcial de algo máis dun 60 %.
Feitos
Tras coñecerse a suspensión de militancia durante 18 meses a Gonzalo Muíños polo que o PSOE considerou unha "indisciplina reiterada", a dirección local do partido acordou o nomeamento de Gumersindo Guinarte como novo portavoz do Grupo Municipal e de Marta Abal como secretaria e convocou a Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez a unha reunión para ratificar os devanditos nomeamentos.
Con todo, as tres concelleiras do PSOE de Santiago que apoian ao ata o de agora portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, defenden que a convocatoria da reunión á que foron citadas polo edil Gumersindo Guinarte para acordar o cambio na portavocía designado pola dirección local era nula, polo que sosteñen que non incumpriron normas do partido.
En concreto, censuraron que non fose levada a cabo polo portavoz do grupo Gonzalo Muíños, que tampouco foi convocado á reunión a pesar de que consideran que "segue sendo membro integrante de pleno dereito do devandito grupo". E é que, sobre a non convocatoria de Muíños e a resolución do seu expediente, as concelleiras lembran que "non é firme" e que el xa mostrou a súa intención de interpoñer todos os recursos "en defensa dos seus dereitos".