As concelleiras díscolas do PSOE de Santiago ven nula a reunión para o cambio de portavoz e din non incumprir normas
As concelleiras díscolas do PSOE de Santiago ven nula a reunión para o cambio de portavoz e din non incumprir normas
As concelleiras díscolas do PSOE de Santiago ven nula a reunión para o cambio de portavoz e din non incumprir normas
Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez responderon á convocatoria de Guinarte mostrando a súa negativa para acudir
Tamén expoñen que o expediente disciplinario concluíu cunha resolución na que "non se impón a expulsión da formación política, único suposto no que cabería considerar non adscrito un concelleiro"
As tres concelleiras do PSOE de Santiago que apoian ao ata o de agora portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, defenden que a convocatoria da reunión á que foron citadas polo edil Gumersindo Guinarte para acordar o cambio na portavocía designado pola dirección local era nula, polo que sosteñen que non incumpriron normas do partido.
Segundo a documentación á que tivo acceso Europa Press, Mercedes Rosón, Mila Castro e Marta Álvarez responderon á convocatoria de Guinarte mostrando a súa negativa para acudir á reunión ao considerala nula.
En concreto, censuran que non fose levada a cabo polo portavoz do grupo, que tampouco foi convocado á reunión a pesar de que consideran que "segue sendo membro integrante de pleno dereito do grupo".
E é que, sobre a non convocatoria de Muíños e a resolución do seu expediente, as concelleiras lembran que "non é firme" e que el xa mostrou a súa intención de interpoñer todos os recursos "en defensa dos seus dereitos".
Tamén expoñen que o expediente disciplinario concluíu cunha resolución na que "non se impón a expulsión da formación política, único suposto no que cabería considerar non adscrito a un concelleiro".
Tras detallar os supostos que si motivarían a non adscrición ao grupo dun edil, as representantes do PSOE apuntan que Muíños "segue ostentando a condición de concelleiro adscrito ao grupo", polo que "a súa falta de convocatoria impide a válida celebración da reunión e a adopción de calquera acordo válido".
Por todo estes motivos, comunicaron a Guinarte que non participarían nesta reunión -prevista o luns ás 13:30 horas- e anunciaban "a futura impugnación de calquera acordo que dela puidese derivarse".
Todo iso, despois de que as concelleiras participasen nunha conferencia de prensa xunto a Gonzalo Muíños na que, ademais de mostrarlle o seu apoio, denunciaron presións por parte da dirección local do partido para forzar a dimisión dun dos edís do grupo para dar entrada na corporación ao secretario xeral local, Aitor Bouza.
Cabe lembrar que na xornada deste martes a dirección do PSOE coruñés enviou un informe a Ferraz para que avalíe novas medidas que poderían implicar a "expulsión inmediata" das concelleiras ao entender que persisten no desafío ás normas do partido.