Conde: "Insistiremos para que Alcoa e o Goberno cumpran os compromisos"
Conde: "Insistiremos para que Alcoa e o Goberno cumpran os compromisos"
O vicepresidente primeiro da Xunta considera que Raúl Blanco foi "o chibo expiatorio" da mala xestión dos fondos europeos
Opina que o Goberno intenta confundir sobre a inclusión de Galicia no corredor de hidróxeno verde e reclama o gasoduto Lugo-Zamora
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, traslada o seu apoio aos traballadores de Alcoa nas vésperas de que voten a oferta da empresa "sexa cal sexa o resultado da votación".
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Conde aproveita tamén para criticar a actitude tanto da firma coma do Goberno central por non cumpriren os compromisos adquiridos, o que deriva nunha "paralización da planta e de incerteza cara ao futuro".
"A Xunta de Galicia o que vai facer é estar ao lado dos traballadores, apoiando a súa decisión, sexa cal sexa o resultado final da votación da próxima semana. E no que seguiremos insistindo é que tanto Alcoa coma o Goberno cumpran os seus compromisos que nestes momentos lamentablemente están poñendo nunha situación de paralización da planta e sobre todo de incerteza cara ao futuro".
Conde tamén afirma que, respecto á subministración de enerxía para a planta de Alcoa en San Cibrao, a situación no "eólico" é "mellor que hai unha semana".
"Temos parques en tramitación que van garantir ese 30 % de enerxía que nestes momentos precisa Alcoa pero para traballar no futuro de Alcoa a eólica non é a única solución (...). A clave é que haxa un prezo eléctrico competitivo e que o Goberno ten que establecer eses incentivos que nestes momentos se nega a aprobar".
Proxectos eólicos
O vicepresidente primeiro da Xunta admitiu estar "razoablemente" satisfeito de que o Goberno autonómico tramitara 120 das 140 declaracións de impacto ambiental rexistradas para a tramitación de parques eólicos e das que 77 resultaron favorables.
Onde cargou a man foi contra a actitude do executivo central respecto aos expedientes que lle tocou resolver, xa que o Ministerio explicou que de once, tres tivo que arquivalos por falta de documentación da Xunta.
Conde explicou que "neses parques que o Goberno está dicindo que hai unha falta de documentación, a realidade é que hai un informe negativo por parte da Xunta porque incumpren a normativa".
"O Goberno debería centrarse máis na colaboración e menos en buscar escusas ou culpables", engadiu.
Respecto aos pasos aínda pendentes do proceso e logo de que a patronal eólica lle pedira ao Ministerio unificar prazos de autorización administrativa e permiso de construción, o conselleiro de Industria asegura que se trata dun caso de "vontade política para poder garantir que ambas as autorizacións se poidan conceder nese medio ano que ten establecido o Goberno".
"Non somos moi optimistas porque o Goberno tende a dicir non a todo e sobre todo non ao que lle propoñemos dende as comunidades autónomas", admite.
Aínda sobre os proxectos de renovables e as declaracións de impacto ambiental, Conde amosouse moi crítico coa decisión do Goberno de eliminar no último decreto anticrise a necesidade de declaración de impacto ambiental para proxectos de máis de 50 MW, para os que só abondaría unha tramitación exprés.
Conde cualifica a medida de "irresponsabilidade" dende o punto de vista ambiental e avisa que "dende a Xunta seremos absolutamente estritos e trataremos de impedir que se poida desenvolver calquera parque tramitado polo Goberno sen que haxa esa avaliación ambiental".
Proxectos industriais
O conselleiro de Industria tamén abordou a situación de varios proxectos industriais galegos. Conde recoñece que o Goberno galego tivo xa contacto co grupo empresarial sueco interesado en investir 240 millóns de euros pra instalar unha fábrica de amoníaco verde nas Pontes pero di que quedan moitos datos aínda por concretarse.
"Dende a Xunta de Galicia xa tivemos contactos previos coa empresa e eles saben que poden contar con todo o apoio da Xunta. É necesario concretar cales son as necesidades que teñen dende o punto de vista da enerxía renovable, dende o punto de vista de conexión á rede", explicou.
No que atinxe a Stellantis e os cambios de posición do Goberno respecto á subestación eléctrica reclamada dende Galicia para a factoría de Balaídos e a reformulación do PERTE do automóbil, Conde saúda eses cambios de opinión.
Sobre Altri e o proxecto de fábrica de fibras téxtiles para Palas de Rei, o conselleiro de Industria agarda que o Goberno faga como con Stellantis e mude de actitude.
Neste punto, Conde volveu criticar o Goberno pola súa falta de "transparencia" e pola súa "lentitude" e falta de "cogobernación" no que atinxe á xestión dos fondos europeos de recuperación. Así mesmo, opinou sobre o cesamento de Raúl Blanco como secretario xeral de Industria do Ministerio, para asegurar que Blanco foi "o chibo expiatorio" da "mala xestión dos fondos europeos".
"Teño a impresión de que o Goberno simplemente buscou un chibo expiatorio con este cesamento para encontrar un culpable da mala xestión dos fondos europeos e só hai unha responsable da mala xestión de fondos europeos en materia industrial que é a ministra de Industria".
Á marxe destes proxectos industriais, o vicepresidente primeiro da Xunta tamén falou do futuro de Ence en Pontevedra, á espera de que Tribunal Supremo se pronuncie a partir do 7 de febreiro sobre a súa permanencia nesa ría.
Conde di que dende a Xunta non van facer xuízos de valor cando se está a punto de recibir esa resolución, pero remarca que "o único que sabemos é que se Ence marcha de Pontevedra nestes momentos non hai plan B e que o Goberno sabemos que non aceptou a proposta que lle fixo a Xunta para adscribir os terreos".
Hidróxeno verde e corredor atlántico
O conselleiro de Industria reclamoulle ao Goberno central "claridade" e que non "intente confundir a cidadanía nin as empresas" sobre o futuro corredor de hidróxeno verde acordado entre España, Francia e Alemaña.
Para Conde, "intentar transmitir que Galicia estará nese mapa ad futurum é simplemente confirmar que nestes momentos estamos fóra da planificación que o Goberno ten acordada con Francia e Alemaña".
"Galicia quedaría como illa e Reganosa non podería usar os gasodutos para estar conectada coa meseta. A única solución é que o Goberno acceda a construír ese gasoduto entre Lugo e Zamora".
Á marxe deste corredor enerxético, o vicepresidente primeiro tamén falou do cumio sobre o corredor atlántico ferroviario de mercadorías celebrado o venres en Compostela.
Conde dixo agardar que "non haxa que facer un segundo ou terceiro foro para que o Goberno comprometa os fondos europeos necesarios para que o corredor atlántico sexa unha realidade", pero si asegurou que continuarán apostando polo traballo conxunto entre comunidades autónomas e axentes sociais.