Galicia celebra o aniversario da Constitución cun acto institucional no Pazo de Mariñán
Galicia celebra o aniversario da Constitución cun acto institucional no Pazo de Mariñán
O delegado do Goberno destaca o compromiso constitucional co acceso a unha vivenda digna
Galicia celebrou o acto institucional do 46 aniversario da Constitución no Pazo de Mariñán. O delegado do Goberno destacou o artigo da carta magna que garante o acceso a unha vivenda digna.
Pedro Blanco afirmou que "sen vivenda, non hai proxecto de vida que valla", polo que insistiu na importancia da "primeira lei de vivenda da democracia", que considera un "primeiro gran paso" para que as administracións públicas poidan "dar respostas efectivas á emerxencia habitacional" en España.
O obxectivo é "converter a política de vivenda no piar do estado de benestar", dixo, e apelou á implicación de todas as administracións para logralo.
Na súa intervención, Blanco reivindicou o Estado das Autonomías e cargou contra quen o pon en perigo a través de bulos e mentiras.
Sobre a Constitución, que promove "a unidade, a tolerancia e a diversidade", aludiu aos artigos que garanten a igualdade entre homes e mulleres e definiu os crimes machistas como "unha ferida no corazón da democracia".