Comeza a época de máximo risco de incendios, con dous terzos das faixas rozadas
Comeza a época de máximo risco de incendios, con dous terzos das faixas rozadas
O conselleiro do Medio Rural conta levar o anteproxecto de lei de loita integral contra os incedios ao Consello da Xunta tras o verán
José González anuncia a publicación a semana que vén dunha liña de circulante para apoiar os gandeiros de vacún
O conselleiro do Medio Rural, José González, avanzou en declaracións á Radio Galega que dous terzos das faixas secundarias de xestión de biomasa forestal de Galicia están rozadas.
Na primeira fin de semana do período de máximo risco de lumes forestais, destaca o incremento detectado no rozado de parcelas próximas aos núcleos poboacionais.
O dispositivo de loita contra os incendios está operativo en Galicia con máis de 7.000 efectivos e 30 medios aéreos segundo José González.
O conselleiro sostén que chegamos ao período de máximo risco de lumes no monte cun número de incendios forestais no que vai de 2022 similar ao rexistrado o ano pasado nese mesmo período e que aí se nota o labor preventivo.
“Co convenio que asinamos no ano 2018 coa FEGAMP estamos tendo un incremento importante desas limpezas arredor das aldeas. Podemos dar con datos de moitas hectáreas que levamos analizadas que practicamente dúas terceiras partes das faixas de toda Galicia están limpas” .
Avanzou tamén a intención de levar ao Consello da Xunta, tras o verán, o anteproxecto de lei de Loita Integral contra os incendios. Unha norma na que González agarda que quede mellor estipulada a colaboración en materia de prevención de administracións como as Deputacións, aspecto que Gonzalez bota en falta a día de hoxe.
Segundo explicou, a “nova Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais de Galicia que está nestes momentos finalizando a súa tramitación para poder xa presentar o anteproxecto, levalo ao Consello da Xunta” e “aí espero que esteamos todos á altura das circunstancias e sexamos capaces entre todos de ter ese sistema de loita integral conxuntamente todas as administracións”.
Charlas informativas
Ademais da concienciación na limpeza das faixas de seguridade arredor dos núcleos poboacionais, o conselleiro asegura que tiveron moita aceptación as charlas informativas que estes días se dan nas 35 parroquias de alto risco de incendio que fixa o PLADIGA. Nelas dánselles pautas de actuación aos habitantes en caso de lumes de nivel 2, os que ameazan núcleos habitados.
O labor de concienciación non só atinxe á prevención. O conselleiro tamén destaca a denuncia de posibles actuacións delitivas no monte a través do teléfono de balde que ten activado a Xunta.
De feito dixo que “sen dar moitos máis datos polo carácter reservado que teñen todas estas investigacións que desas chamadas ten saído algunha investigación que se traduciu na detención de incendiarios”.
José González salientou tamén o papel da Unidade de Investigación de Incendios Forestais creada o ano pasado con 15 axentes dedicados a labores disuasorios e de investigación. Un traballo que, segundo o conselleiro, tamén se aprecia nunha redución do número de incendios.
Axudas a gandeiros
O conselleiro do Medio Rural anuncioulle á Radio Galega a publicación a semana que vén dunha liña de capital circulante para os gandeiros dotada con 25 millóns de euros.
Sumaríase ao anticipo dos pagamentos da PAC e á utilización do 5 % dos fondos FEADER para apoiar o vacún de carne. Medidas dirixidas a axudar o sector nun escenario económico difícil.
“Na semana que vén vaise publicar no DOG unha liña de circulante de ata 25 millóns de ser avalados pola Xunta sen custo financeiro para os noso gandeiros de vacún carne e de leite, se teñen necesidade de liquidar que poidan dispoñer delas e ese 5 por cento dos FEADER non vai poder axudar a complementar axudas de vacún de carne para mellorar a súa posición”.
Segundo José González, o principal é que se cumpra a lei estatal da Cadea Alimentaria que prohibe vender a perdas. Pero, para o conselleiro esta lei precisa ser complementada con instrumentos como os articulados pola Xunta para garantir polo cumprimento efectivo da lei.
Entre eles, o Observatorio Galego da Cadea Alimentaria cuxa primeira reunión de traballo será este mesmo mes de xullo para “ir desenvolvendo toda a súa metodoloxía”.