Galicia e norte de Portugal asinan este martes un manifesto en defensa do AVE
Galicia e norte de Portugal asinan este martes un manifesto en defensa do AVE
Alfonso Rueda e Antonio Cunha pídenlles aos gobernos español e luso investimentos e datas concretas para que a alta velocidade entre Vigo e O Porto sexa unha realidade no 2032
A Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional Norte de Portugal (CCDR-N) van asinar este martes en Valença un manifesto a favor da alta velocidade entre Galicia e Portugal. Nese documento pídenlles aos gobernos español e luso investimentos e datas concretas para que o AVE sexa unha realidade no 2032.
O xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, e o presidente da CCDR-N, Antonio Cunha, serán os encargados de rubricar ese manifesto, que xa remitiron ás entidades da Eurorrexión, confederacións de empresarios e sindicatos para a súa adhesión. Despois enviarano aos ministerios correspondentes de España e Portugal.
"Ese documento pon de manifesto a necesidade de que exista unha programación completa e realista de investimentos e fitos para ese compromiso de que no ano 2032 ambas as dúas liñas de alta velocidade se atopen na fronteira portuguesa. Entendemos que é necesario seguir facendo presión no bo sentido para poñer de manifesto de que este é un asunto absolutamente capital", explicou o presidente da Xunta.
Nese documento que Rueda e Cunha asinarán en Valença tamén reclaman que mentres non se complete a conexión por AVE se melloren as condicións do tren Celta que actualmente une Vigo e O Porto.