Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia, na cabeza da UE na investigación da reuma

Galicia, na cabeza da UE na investigación da reuma

O equipo do IDIS, liderado por Rodolfo Gómez, forma parte do grupo da Unión Europea que estuda a relación da microbiota coa artrose

G24.gal 08/05/2023 14:50

O de Santiago, o CHUS, é o único hospital español incluído no macroproxecto internacional Endotarget de investigación das enfermidades reumáticas e do desgaste das articulacións. Están implicados catorce centros hospitalarios de nove países e ao que a Unión Europea destina 9 millóns de euros.

Estudan a relación de doenzas como a artrose coas bacterias que temos no intestino. Buscan biomarcadores e deséñase unha aplicación para axudar os facultativos a reenfocar e abordar dun xeito completamente distinto o tratamento destas enfermidades.

O traballo agrario ou no mar aumenta nove veces a posibilidade de ter artrose. Por iso e polo envellecemento, Galicia ten unha prevalencia moi alta desta enfermidade, que levan tempo estudando neste laboratorio do IDIS, que acaba de converterse no segundo mellor financiado en Europa para estudar a reuma. 

"Aquí, en Santiago, imos analizar o sangue de centenares de pacientes de toda Europa e imos dicir que teñen eses pacientes que se poñen enfermos que non teñan os que están sans. É un orgullo profesional, por tantos anos de traxectoria que levamos", explica Rodolfo Gómez, investigador principal en España no proxecto Endotarget.

O equipo de Rodolfo Gómez traballa na confirmación de que os microbios que temos no intestino teñen que ver coa reuma; coa artrose, a artrite ou a espondilite anquilosante. 

"Restos de bacterias ou do seu metabolismo pasan do intestino ao torrente sanguíneo, onde circulan sen ningún control ata que o sistema inmune os recoñece e responde producindo unha inflamación", engade Rodofo Gómez.

Estudan en que medida a alteración da permeabilidade do intestino pode acabar provocando desgaste nas articulacións. E traballan en medicamentos que fagan de filtro. "Imos traballar con fármacos que van bloquear, como unha reixa. E se polos buratiños entraban fragmentos de bacterias que provocaban a inflamación, imos tentar pechar eses buratiños".

Outros dos ensaios clínicos van cambiar a dieta para modificar a flora. Obterán miles de datos que deben procesar con IA para xerar unha aplicación de uso clínico que podería cambiar radicalmente a abordaxe desta enfermidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade