Tres falecidos por covid nunha xornada en que Galicia supera as 11.000 infeccións
Os contaxios sitúanse outra vez por riba dos mil (1.096)
A cifra de mortos por covid-19 elévase a 2.698, (+3)
Baixan os ingresos en planta pero hai un paciente máis nas UCI nas últimas 24 horas
O aumento de casos activos de covid-19 non frea en Galicia nesta sexta vaga, aínda estando á espera do que se poida producir coa variante ómicron, que polo de agora segue a ser residual. Xa superado o pico da segunda onda da enfermidade, son 11.235 as persoas co virus, 558 máis que as 24 horas anteriores con datos das 18 horas do venres.
Os contaxios diarios superan de novo o milleiro e nas probas diagnósticas diarias son 1.096 os positivos, o que supera en algo máis dun cento os da xornada previa. A positividade das probas segue por riba do 10 %.
Canto á presión hospitalaria, cae lixeiramente en planta con 209 enfermos en cuarto illado, que son nove menos ca o xoves, pero pola contra houbo un ingreso máis nas UCI, que teñen agora 43 pacientes en observación permanente. Así, hai 252 persoas ingresadas pola covid nos hospitais galegos, oito menos que a xornada anterior.
Sanidade notifica este sábado tres novas mortes de enfermos diagnosticados con coronavirus en Galicia. Trátase dun paciente de 80 anos ingresado no Hospital de Ourense, outro de 91 anos no Hospital de Pontevedra e unha muller de 86 anos ingresada na Coruña. Así a cifra de falecidos durante a pandemia é de 2.698 persoas.
Nos últimos sete días son 14 os decesos con diagnóstico de covid.
Situación por áreas sanitarias
Os casos activos amentan en todas as áreas sanitarias e a preocupación especial das autoridades sanitarias está en Vigo e Ourense, que concentran máis da metade das infeccións. En Vigo xa son 3.519 as persoas co virus e en Ourense 2.602. En Vigo ademais supéranse os 350 positivos diarios.
Ferrol é a única área sanitaria que mantén as súas UCI libres de pacientes con covid.
A Coruña: 3.519
Ourense: 2.602
Pontevedra: 1.636
A Coruña: 1.538
Santiago: 756
Lugo: 715
Ferrol: 469