Confirmado un cuarto caso da variante ómicron en Galicia
A persoa afectada está na Coruña e non presenta síntomas
A Xunta reforza a vixilancia nos establecementos hostaleiros
Confirmado un novo caso da variante ómicron en Galicia. É unha das infeccións que estaban en estudo, localizada na Coruña. A persoa afectada non presenta síntomas. Agora quedan oito contaxios, do mesmo gromo, que aínda se están a secuenciar.
Os outros tres casos verificados, un deles esta mañá en Vigo, son persoas que padecen a doenza de xeito "leve", segundo dixo o vicepresidente da Xunta. O Goberno autonómico pide a máxima prudencia ante a situación que pode derivar nun incremento dos contaxios nas próximas semanas.
Alfonso Rueda subliñou que controlar a situación e evitar máis restricións depende de que se cumpran con rigor as medidas impostas, como a presentación do certificado de vacinación na hostalería e o uso da máscara.
"Galicia é a comunidade con máis porcentaxe de vacinación, estamos inmersos na terceira dose, empeza a vacinación dos rapaces. Todo iso xoga ao noso favor, pero se non mantemos as condicións de seguridade, pódese botar a perder".
O vicepresidente explicou que están a contactar coas grandes cidades e van manter reunións coas forzas de seguridade e coa inspección sanitaria para aumentar os controis.
"Avisamos que quen incumpra será sancionado e xa hai moitas sancións impostas e moita xente que tivo que pagar. E non desexamos iso, o que desexamos é que se cumpra. Iso sería o mellor".
Concienciación
A Xunta deu o venres un voto de confianza á cidadanía e, ante a previsión de máis movementos e aglomeracións, incide en que é preciso a concienciación de todos para evitar medidas máis restritivas.
A situación, aseguran as autoridades sanitarias, non é a do ano pasado, pero xa hai datos preocupantes nalgunhas áreas sanitarias.
O 20 de decembro a Xunta e os representantes das asociacións galegas de hostalaría volverán reunirse co propósito de tomar novas decisións para o sector. Mentres tanto, as forzas de seguridade aumentarán a vixilancia para velar polo cumprimento das medidas vixentes.
E a situación tampouco lle fai caer no pesimismo ao sector. As reservas en Galicia mantéñense, aínda que coa redistribución nas mesas para evitar o máis posible situacións de perigo. Agora iso si planifican todo a curto prazo.