Gandeiros e Medio Rural traballan para garantir contratos que manteñan os prezos do leite
Gandeiros e Medio Rural traballan para garantir contratos que manteñan os prezos do leite
O obxectivo dos gandeiros é que os contratos se manteñan no tempo e que non haxa diferenzas de prezos con outras comunidades
En 2025 Galicia debería transformar o 75 % do leite producido aquí
As principais demandas das organizacións leiteiras á industria para a renovación dos contratos coas granxas volveron poñerse enriba da mesa na xuntanza que esta semana tiveron con Medio Rural.
Fíxose un chamamento a que todos os axentes que participan na produción, transformación e distribución do leite manteñan unha estabilidade nos prezos e que non haxa diferenzas con outras rexións do Estado.
O leite é un sector estratéxico para Galicia, que proporciona o 42 % da produción de todo o Estado. Ante as ameazas habituais de baixadas de prezos por parte da industria, a Xunta e as organizacións agrarias fixeron balance esta semana do recente proceso de renovación dos contratos que tivo como prioridade acadar un prezo xusto do produto.
"Fomos capaces de chegar a un acordo en que a baixada en moitos casos non se produciu ou foi mínima e conseguimos que se foran alongando os contratos e ese era o obxectivo. Neste momento xa se asinaron contratos con gandeiros ata febreiro do ano que vén, algo que é innovador e positivo. Seguiremos traballando porque é un sector en que hai que estar de forma constante e continua", asegurou Xosé Baleiros, director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
A estratexia do sector lácteo aspira a que en 2025 Galicia transforme o 75 % do leite producido aquí. Nestes momentos xa supera o 70 %.
"Hoxe Galicia conta coas mellores industrias de transformación, algunha deles absolutamente innovadoras. Temos algún caso que neste momento é un exemplo de industria leiteira máis avanzada de Europa que fai produtos de última xeración a nivel de caseínas e medicamentos apropiados para a vellez, a infancia ou para deportistas", explicou Baleiros.
Desde Medio Rural aseguran que unha industria desenvolta e con garantías produtivas é o único xeito de promover a remuda xeracional do sector gandeiro.