Prohibidas as queimas agrícolas e forestais desde este mércores en Galicia
A Xunta toma esta decisión tras avaliar a situación meteorolóxica e os distintos indicadores técnicos que inciden no risco de incendios
Quedan excluídas da prohibición as queimas controladas que realiza o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais

A Xunta de Galicia prohibe desde este mércores as queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso, polo que non se darán máis permisos, e os concedidos quedarán en suspensión.
Esta decisión tómase após avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados os distintos indicadores técnicos relacionados co risco de incendios. Ademais, tense en conta a normativa, que prohibe queimas cando as condicións poidan dificultar o seu control.
Nun comunicado, o Goberno galego explicou que quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais debidamente planificadas e con disposición dos medios de extinción necesarios.
Por todo iso, a Consellería do Medio Rural pediu colaboración da cidadanía para extremar as precaucións e denunciar calquera actividade delituosa incendiaria.