García Diéguez deixa a presidencia do Deportivo con "débeda cero"
García Diéguez deixa a presidencia do Deportivo con "débeda cero"
O cadro coruñés anunciou a saída do concurso de acredores
Os resultados deportivos baixo o seu mandato foron sobresaíntes, cos ascensos de Deportivo e Deportivo Abanca
Despois dun ano na presidencia, Álvaro García Diéguez deixa o cargo no Deportivo e non formará parte do vindeiro Consello de Administración. Era unha nova cantada que se oficializou na Xunta de Accionistas celebrada este mércores.
No seu discurso García Diéguez presumiu de éxitos deportivos, co regreso ao fútbol profesional, e económicos porque deixa a presidencia "con débeda cero" e anunciou a saída do concurso de acredores. Abanca farase cargo de toda a débeda e o club comezará con moita forza no eido económico neste regreso á Segunda División.
"Abanca capitaliza toda a débeda e subscribirá a ampliación de capital correspondente á súa participación no capital social", asegurou García Diéguez que anunciou a recapitalización da entidade coruñesa, afogada polas débedas desde hai máis dunha década.
Agora haberá que agardar á oficialidade do novo presidente -ou presidenta- que dará a coñecer o Deportivo nas vindeiras datas. García Diéguez non estivo nin un ano á fronte do club (chegou en xullo de 2023 en substitución de Antonio Couceiro, o primeiro presidente que designou Abanca) pero os resultados da súa xestión foron sobresaíntes cos ascensos do Deportivo a Segunda e do Deportivo Abanca feminino á elite do fútbol español.