Germán Parreño: "Buscaba un sitio onde se vivise o fútbol, gústame esa presión"
Germán Parreño: "Buscaba un sitio onde se vivise o fútbol, gústame esa presión"
Parreño foi presentado como novo porteiro do Deportivo
O peso da camiseta do Deportivo e a urxencia de regresar á elite foron precisamente as razóns que trouxeron a Germán Parreño á portería branquiazul. O gardameta, que aos 30 anos chega procedente do Eivissa, onde tiña contrato en vigor, chegou a comparar a súa profesión coa dun cirurxián.
"Persoalmente motívame moito vir aquí, é unha das cousas que me trouxeron. Estaba nun club onde tiña contrato e vin a outro. E a presión que hai é un aspecto clave na miña decisión. A presión forma parte do noso traballo. Buscaba un proxecto ambicioso en que me sentise futbolista cada fin de semana. Compároo un pouco cun cirurxián a corazón aberto, que tamén ten presión. Nós estamos a xogar e sabemos as aptitudes que temos para o xogo, e a presión existe, pero estamos preparados. Levámolo no noso ADN. Xogamos porque se nos dá ben. É o que me motiva a buscar lugares onde sinta iso. Gústanos, buscamos esa emoción e eu creo que rendemos máis", comentou na súa presentación deste xoves como futbolista do Deportivo.
Neste sentido, o futbolista comentou a súa opinión sobre a acción que Ian Mackay protagonizou en Castellón, no peche da tempada pasada.
"O que está aí é o que ten que… Cabe a posibilidade de que saia ben ou mal, pero o que está aí é porque ten habilidades para que saia ben. Enténdese que hai cousas que poden pasar, pero a presión é a que é. El ten a experiencia e unhas costas moi anchas, e falei con el e… sabe a que se dedica e ten moitos anos, non lle dá máis bombo que o que é", engadiu.