Publicador de contidos
Publicador de contidos

Goberno e PP manteñen a pugna por Venezuela, malia o comunicado de González

Goberno e PP manteñen a pugna por Venezuela, malia o comunicado de González

O ministro de Exteriores pídelle a Feijóo que se desculpe e asegura que todos os encontros celebrados na embaixada pediunos Edmundo González

O PP denuncia que o embaixador foi testemuña das coaccións ao líder opositor e pídelle explicacións a Zapatero 

Albares agradece a Edmundo González o comunicado para "defender a verdade"
G24.gal 20/09/2024 14:13

Non afrouxa a pugna entre o Goberno e o Partido Popular por como se fraguou a chegada a España do líder opositor venezolano, Edmundo González. O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, esíxelle desculpas aos de Feijóo pero, de momento, estas non chegaron. O Partido Popular reafírmase en que o embaixador de España en Venezuela "foi testemuña de coaccións". E implica a Zapatero.

"É unha indignidade que un expresidente español estea exercendo de gran lobista de ditaduras latinoamericanas", di Elías Bendodo, vicesecretario de Coordinación Autonómica do PP. O executivo sostén que todos os encontros celebrados na embaixada en Caracas foron solicitadas polo líder opositor. E defende o que fixo. Albares asegura que se o Goberno de España fixera o que pide o PP, Edmundo González, "en lugar de estar en Madrid, estaría detido en Caracas". 

Nas últimas horas, Edmundo González quixo aclarar dúbidas sobre como foron as xestións para poder saír do país. Nun comunicado, asegura que non recibiu ningunha coacción por parte de España. Nin do seu Goberno nin do embaixador en Caracas. 

O líder opositor si mantén en pé as acusacións contra o Goberno de Maduro, pero o réxime desménteo e fai públicos os audios da xuntanza. Audios, que segundo o presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Jorge Rodríguez, tiran por terra as acusacións do líder opositor. Di Rodríguez que o principal obxectivo de González Urrutia era saír do país canto antes e que non tivo ningún problema en asinar un documento no que asumía a vitoria de Nicolás Maduro. E di que o fixo "sen ningún tipo de presión" nin pola súa parte, nin da súa irmá, a vicepresidenta Executiva, Delcy Rodríguez.

O negociador do presidente venezolano ameaza con facer público outro documento no que, segundo di, González Urrutia pide que se respecten os seus bens e os da súa familia, pero que non fai ningunha referencia aos presos. O que, segundo Jorge Rodríguez, demostra cal é o verdadeiro interese da oposición. O avogado de González, José Vicente Haro, di que o documento que recoñece a vitoria de Maduro é xuridicamente nulo por ser asinado baixo coaccións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos