Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidos cando introducían 121 quilos de coca oculta entre aguacates no aeroporto de Madrid

Detidos cando introducían 121 quilos de coca oculta entre aguacates no aeroporto de Madrid

A mesma banda é a responsable doutro cargamento de 109 quilos de cocaína introducido a través do porto de Róterdam e cuxo destino final era tamén Madrid

G24.gal 20/09/2024 18:09

A Garda Civil e a Policía Nacional, nunha operación conxunta, detiveron seis membros dunha organización criminal que supostamente introduciu 121 quilos de cocaína oculta entre aguacates polo aeroporto Adolfo Suárez de Madrid.

A mesma banda é supostamente responsable doutros alixos introducidos por vía marítima a través de portos portugueses e neerlandeses.

Entre eles destaca un cargamento de 109 quilos de cocaína introducido a través do porto de Róterdam (Países Baixos), e cuxo destino final era a capital española, polo que a cantidade de estupefacientes intervidos ascende a 230 quilos, informaron ambos os corpos este venres.

A bautizada como operación Kindgreek arrincou o pasado febreiro, cando os investigadores detectaron que unha empresa establecida na localidade madrileña de Valdemoro estaba a realizar importacións de froita sospeitosas desde América do Sur, principalmente aguacates.

Avanzadas as pescudas, lograron identificar o titular da compañía e os seus traballadores, algúns de orixe española e outros dominicanos.

Intensificaron as vixilancias sobre os importadores e descubriron que, tras cada envío aéreo de mercadoría, esta era gardada nun almacén situado no barrio madrileño de Vallecas. Aí separaban a droga da froita, que distribuían en diversos establecementos.

O pasado venres os axentes interceptaron un dos envíos que ía recibir a empresa investigada, no que declararan dúas toneladas de aguacates entre os cales se interviñeron 121 quilos de cocaína.

O envío, coa froita pero sen a droga, chegou ata o almacén, onde pouco despois chegaron catro homes con intención recuperar a cocaína. Nese momento, os investigadores, que estaban a vixiar a zona, procederon á súa detención.

Outras dúas persoas foron posteriormente arrestadas no aeroporto, entre elas a administradora da empresa investigada, quen trataba de abandonar o país.

O Xulgado de Instrución número 47 de Madrid, que coa colaboración da Fiscalía Antidroga coordinou as pescudas, decretou o ingreso en prisión provisional dos principais investigados. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade