O Goberno admite que o PP pode forzar tratar o financiamento na Conferencia de presidentes autonómicos
O Goberno admite que o PP pode forzar tratar o financiamento na Conferencia de presidentes autonómicos
O Goberno admite que o PP pode forzar tratar o financiamento na Conferencia de presidentes autonómicos
Malia todo, o Executivo mantén que o marco axeitado para tratar este asunto é o Consello de Política Fiscal e Financeira
Ángel Víctor Torres anuncia para outubro a celebración da Conferencia de presidentes autonómicos, centrada en aspectos como a vivenda
Sánchez comprométese a trasladar aos seus ministros as demandas de Rueda, como as referidas ao traspaso da AP9, os fondos para Altri ou a axilización do traspaso dos medios de xestión do litoral
O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torres, foi o encargado de comparecer en nome do Goberno logo do encontro deste venres entre Pedro Sánchez e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Torres agradeceu "o ton institucional" de Rueda e dixo que a xuntanza foi "frutífera e afable". O ministro asegurou que Sánchez se comprometeu a trasladar aos seus ministros o informe que lle entregou Rueda coas prioridades para Galicia. Suliñou, por exemplo, o caso da AP-9. Dixo que o Goberno está disposto a seguir falando coa Xunta sobre o seu rescate.
O futuro de Altri tamén é unha das preocupacións do Goberno galego, e por iso abordouse a posibilidade de que se poda acoller aos fondos dos PERTE. Outro tema pendente é o traspaso a Galicia das competencias para a xestión do litoral. Segundo o ministro Torres, Sánchez comprometeuse a axilizar a creación dunha comisión bilateral con este fin.
O financiamento autonómico foi un dos eixos deste segundo encontro entre Sánchez e Rueda. O ministro Ángel Víctor Torres, en referencia as reiteradas demandas de Rueda e doutros mandatarios do PP para que Pedro Sánchez convoque unha Conferencia de presidentes autonómicos en que abordar este asunto, dixo que ese non é o ámbito. "Pode falarse" nesa conferencia, dixo o ministro, pero o lugar adecuado é o Consello de política fiscal e financeira. Ese órgano, para Torres, garante a "multilateralidade" para unha negociación, dixo, na que tamén debe estar Cataluña.
Malia todo, admitiu que se o PP quere forzar a inclusión deste tema na orde do día da conferencia de presidentes autonómicos, que anunciou para outubro coa política de vivenda como tema central, pode facelo.