Publicador de contidos
Publicador de contidos

21 concellos polos que pasa a AP-9 únense para reclamar bonificacións nas peaxes para os veciños

21 concellos polos que pasa a AP-9 únense para reclamar bonificacións nas peaxes para os veciños

Buscan tamén seguir cobrando o 100 % do IBI dos terreos que ocupa a autoestrada ao seu paso por estas localidades e que se actualice o valor catastral dos terreos

G24.gal 24/10/2024 15:19

Os municipios afectados polo paso da AP-9 buscan xuntar forzas. Son 21 dos 38 concellos galegos que atravesa esta autoestrada, que buscan seguir cobrando o 100 % do IBI dos terreos que ocupa a autoestrada ao seu paso por estas localidades e que se actualice o valor catastral dos terreos. 

Unhas medidas que manteñen con independencia de que se poida transferir á Xunta de Galicia a súa titularidade, ou da posible gratuidade das peaxes. 

Convocados polo alcalde de Abegondo, buscan a unión para facer fronte a Audasa.

"Actualizar o valor catastral da AP 9, porque está parado, e a última actualización foi do ano 2007", di o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. "Quen ten que pagar é a concesionaria, e o IBI é un imposto municipal que teñen todo o dereito os concellos a cobralo", engade.

"Dá igual se pasa a ser da Xunta, loxicamente terá que pagarse exactamente o mesmo", di Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume

Pero o IBI non é a única reclamación que chega dende estes municipios. Piden tamén bonificacións para os seus veciños, que din son os que sofren os inconvenientes de ter unha infraestrutura destas dimensións.

"Ter unha bonificación na AP-9 para os veciños, igual que fixo o estado español no País Vasco, Cataluña ou Valencia", di Santiso.

"Pode haber descontos para os cidadáns dos concellos polos que discorre, pero tamén trasládase esa proposta para as autoestradas que son de titularidade autonómica", di Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume

Din que é unha forma de compensar os prexuízos que lles causa ter unha autoestrada no seu territorio, cos problemas urbanísticos e de ruídos que chega a xerar. 

O alcalde de Abegondo propuxo crear unha asociación de afectados. Nesta reunión non participaron nin Vigo nin Pontevedra nin Santiago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade