Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un fondo de pensións holandés faise co control das autoestradas galegas

Un fondo de pensións holandés faise co control das autoestradas galegas

Globalvia vendeulle ao fondo APG toda a súa participación en Itínere, propietaria da AP-9, AG-57, AG-55 e da AP-53

De momento descoñécese o importe económico da operación 

 

G24.gal 17/10/2024 08:35 Última actualización 17/10/2024 08:45

Globalvia chegou a un acordo co fondo APG, o maior provedor de pensións dos Países Baixos, para vender toda a súa participación en Itínere e resolver todos os litixios que a compañía española arrastraba desde hai anos pola súa participación nesta empresa.

Desta forma, o fondo neerlandés controlará de forma exclusiva as autoestradas galegas AP-9 (que vertebra o eixo atlántico), AG-57 (Vigo-Baiona), AG-55 (A Coruña-Carballo) e AP-53 (Santiago-Dozón) e mais a AP-66, de Asturias a León; a AP-8, no País Vasco, ou a AP-15, en Navarra.

"Este conxunto de acordos reflicte o compromiso das dúas compañías por resolver as disputas sobre Itínere, pechando os desacordos que se alongaron no tempo", anunciou Globalvia nun comunicado. De momento, non transcendeu o importe económico da transacción.

A empresa española de mobilidade adquiriu por primeira vez unha participación en Itínere o 17 de outubro de 2018 e aumentou a súa participación ata o 40 % en 2019. Ata o de agora, APG tiña o 56 % de Itínere a través de varias entidades e suma agora o 40 % de Globalvia. Mediobanca foron asesores de Globalvia na transacción e Jefferies de APG.

Nos últimos anos, Globalvia instou en varios procedementos xudiciais a súa lexitimidade para facerse co 90 % do capital de Itínere, argumentando que varias operacións levadas a cabo no capital da empresa no pasado non se fixeron conforme a dereito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade