Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda responde a Puente sobre a transferencia da AP-9: "A vontade política é tremendamente baixa"

Rueda responde a Puente sobre a transferencia da AP-9: "A vontade política é tremendamente baixa"

O ministro dixo este mércores no Congreso que o traspaso a Galicia era "tremendamente difícil"

O BNG tamén incide en que o traspaso é cuestión de vontade e o PSdeG avoga por agardar pola resolución de Bruxelas sobre a prorróga da concesión

G24.gal 17/10/2024 13:06 Última actualización 17/10/2024 15:07

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a "sinceridade" do ministro de Transportes, Óscar Puente, cando o mércores asegurou que o traspaso da AP-9 a Galicia é unha cuestión "tremendamente difícil". "Eu creo que o que pasa é que a vontade política é tremendamente baixa", apostilou.

Así se pronunciou o mandatario autonómico a preguntas dos medios na comparecencia de prensa celebrada este xoves tras a aprobación dos orzamentos da Xunta para 2025 nun Consello extraordinario.

"Hai que agredecer a sinceridade, que contrasta co que se nos está contando aquí", sinalou Rueda en referencia ás palabras de Puente o pasado mércores no Congreso, cando arrefriou a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia, unha demanda do Parlamento de Galicia que se atopa en tramitación na Cámara baixa.

Despois de que Puente alertara das dificultades que entraña o encaixe xurídico desta transferencia, reclamada ao longo dos últimos oito anos pola Cámara galega a través de catro proxectos lexislativos aprobados por unanimidade, o primeiro deles en 2016 co PP no Goberno central, Rueda dixo que a transferencia é unha cuestión de "vontade política".

Por iso, espera que a "cualificación" de "tremenda difícil" pase a "ser posible", pois "estanse facendo outras cousas moito máis difíciles noutras comunidades autónomas, especialmente nunha".

Para o presidente galego, "sería moi difícil de explicar" que non se produza un traspaso "que vai redundar nunha mellor xestión" e deixaría "en moi mal lugar" o Partido Socialista de Galicia, do que espera que "se dean conta de que hai cousas indefendibles", e o BNG, que "contou tantos logros" relacionados coa autoestrada.

"O único que fai falta é vontade política para acabar cunha discriminación que teñen que pagar cada día milleiros de galegos", defende tamén Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. O Congreso deu luz verde a unha iniciativa do BNG para iniciar de xeito inmediato o rescate da AP-9. Faino despois de que o ministro de Transportes valorase como inasumible o custo da operación.

Os nacionalistas poñen como aval o estudo da Universidade da Coruña, que cifra en pouco máis de 900 millóns de euros.

Hai que agardar a que a Xustiza declare a ilegalidade da prórroga da concesión da AP-9 para que o rescate sexa eficaz. Desde o PSdeG defenden entre tanto avanzar noutras medidas. "Hai que traballar nese camiño. Avanzar na bonificación do 75 % do custo das peaxes é avanzar nese camiño", di José Ramón Gómez Besteiro, Secretario xeral do PSdeG.

O Partido Popular lembra que o rescate e a gratuidade da AP-9 foi un compromiso electoral dos socialistas. "Pedímoslles ao Partido Socialista e ao BNG, que é socio do Goberno, que rectifiquen e aposten pola titularidade da AP-9 para Galicia", reclama Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG. E pídenlle ao Goberno que tome nota da recuperación da concesión de catro autoestradas por parte da Xunta de Galicia que permitirán un aforro, din, de máis de 30 millóns de euros ao ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade