Xaquín Fernández Leiceaga: "Se o acordo con Cataluña fose como o concerto vasco Galicia perdería 600 millóns de euros"
Xaquín Fernández Leiceaga: "Se o acordo con Cataluña fose como o concerto vasco Galicia perdería 600 millóns de euros"
Xaquín Fernández Leiceaga: "Se o acordo con Cataluña fose como o concerto vasco Galicia perdería 600 millóns de euros"
O economista advirte das consecuencias para Galicia dun sistema de financiamento menos solidario que o actual
O integrante do Foro Económico sinala que sen os fondos de compensación Galicia non podería sufragar, só con recursos propios, os servizos públicos
O economista Xaquín Fernández Leiceaga advirte, nunha entrevista na Radio Galega, que de prosperar un concerto para Cataluña similar ao xa existente en Euskadi e en Navarra, "a nosa comunidade perdería uns 600 millóns de euros". Son os cálculos que fai o Foro Económico de Galicia, do que Leiceaga forma parte, e que analizou o acordo do Goberno con Esquerra. Un acordo que, segundo o profesor, "di que é un sistema solidario, iso está ben, pero non temos os detalles". Por outra parte, engade, "temos precedentes e sabemos como funciona o concerto vasco e navarro, onde o nivel de solidariedade é moi limitado. O risco é que evolucionemos nesa dirección".
"Se baixa o nivel de solidariedade, comunidades que dependen do fondo de compensación como Galicia terán perdas"
O profesor Leiceaga explicou, na Radio Galega, que o sistema de financiamento autonómico actual inclúe un fondo de compensación para as autonomías cunha renda relativa máis baixa e, polo tanto, con menor capacidade tributaria. Segundo o economista, "o noso nivel de renda é máis baixo que o medio e temos unha compensación que chega máis aló do que poden pagar os nosos cidadáns".
O experto explicou que os sistemas de financiamento nos estados federais son "extremadamente variados". Segundo sinalou, en Alemaña contan cun sistema cunha "nivelación non plena", excepto para os estados do leste, que teñen "unha compensación específica para axudarlles a repoñerse dos anos de prostración económica". Pola contra, engadiu, "en Australia hai unha nivelación completa".
Cota galega
Xaquín Fernández Leiceaga considera que unha cota galega "ten sentido se se quere gozar dunha autonomía tributaria". Con todo, matizou, Galicia conta cun nivel de renda inferior á media e cunha sociedade avellentada e dispersa. Con estas características, engadiu, "interésanos que haxa un instrumento compensatorio de nivelación". O economista cre que se só contásemos con recursos propios "perderíanse millóns de euros".