Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ferraz expulsa definitivamente o concelleiro do PSOE de Outes que lle deu a alcaldía ao PP

Ferraz expulsa definitivamente o concelleiro do PSOE de Outes que lle deu a alcaldía ao PP

José Antonio Caamaño votara a favor dunha moción de censura sen autorización do partido

A dirección socialista cualifícao de tránsfuga e lembra que actuou sen consultar coas estruturas do PSdeG

José Antonio Caamaño despois de votar a moción de censura José Antonio Caamaño despois de votar a moción de censura
G24.gal 01/04/2025 20:42

A dirección federal do PSOE expulsou de maneira definitiva o seu concelleiro en Outes, José Antonio Caamaño, por votar a favor da moción de censura que entregou a alcaldía ao popular Francisco Calo o pasado mes de febreiro.

A resolución, asinada polo secretario de Organización, Santos Cerdán, foi comunicada este luns pola dirección provincial do PSdeG-PSOE.

Con esta decisión, confírmase a expulsión que xa fora adoptada de forma provisional tras a votación que derrocou o goberno local de Compromiso por Outes.

A dirección rexeita as alegacións do edil

Segundo o documento interno, o instrutor do expediente desbota as alegacións de Caamaño por consideralas “innecesarias e impertinentes”, coa única finalidade de “dilatar o proceso” sen achegar nada relevante respecto ao feito central: o apoio á moción de censura sen autorización expresa dos órganos competentes do partido.

Tamén se especifica que o edil foi notificado da apertura do expediente en varias ocasións, tanto por burofax como por correo electrónico, polo que non se acepta o argumento de indefensión. Ademais, a dirección lembra que os feitos eran “públicos e notoriamente coñecidos”.

Unha decisión “lóxica e normal”, segundo o PSdeG

O secretario xeral provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro, afirmou que Caamaño actuou sen consultar con ningunha instancia do partido, nin coas estruturas superiores nin coa agrupación local.

“Por todo isto, é un tránsfuga, e resulta lóxica e normal a súa expulsión do Partido Socialista”, indicou.

Caamaño formaba parte do goberno liderado por Manuel González, de Compromiso por Outes, tras apoiar a súa investidura en 2023. Porén, en febreiro anunciou a súa saída do executivo e o seu apoio á moción que deu o bastón de mando ao PP.

O concelleiro ten aínda a posibilidade de recorrer a decisión ante a Comisión Federal de Ética e Garantías do partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade