Publicador de contidos

Publicador de contidos

A popular Mariña Gueimunde, nova alcaldesa de Viveiro

A popular Mariña Gueimunde, nova alcaldesa de Viveiro

Finalmente non houbo sorpresas e os votos dos edís do Partido Popular e do grupo independente Por Viveiro, que son os que rexistraran a moción censura, desaloxaron a Loureiro da alcaldía e deixaron o bastón de mando en mans de Mariña Gueimunde

G24.gal 07/03/2025 13:16 Última actualización 07/03/2025 15:00

Mariña Gueimunde, do Partido Popular, é a nova alcaldesa de Viveiro, despois de que prosperase este mediodía a moción de censura contra a anterior rexedora local, María Loureiro, do Partido Socialista, que levaba once anos no cargo.

Finalmente non houbo sorpresas e os votos dos edís do Partido Popular e do grupo independente Por Viveiro, que son os que rexistraran a moción censura, desaloxaron a Loureiro da Alcaldía e deixaron o bastón de mando en mans de Mariña Gueimunde.

O Partido Popular recupera así unha alcaldía que perdera hai 22 anos. “Como calquera que traballa por Viveiro, e neste caso como edila desde hai moitos anos, vivo este momento con emoción. Con moita ilusión, pero tamén con moita preocupación porque sabemos perfectamente a situación na que se atopa o Concello de Viveiro”, foron as palabras de Gueimunde antes da votación. “Temos a fortaleza necesaria e os apoios necesarios da xente que nos estivo apoiando para que tomemos as rendas do Concello e saquemos Viveiro do pozo en que está”, engadiu.

A socialista María Loureiro, que deixa a alcaldía despois de 11 anos, defende o traballo realizado e comprométese con Viveiro, agora desde a oposición. 

"Non imos entrar en liortas por respecto aos veciños. Desde a oposición seguiremos traballando por Viveiro", di  María Loureiro.

Ao pleno asistiron responsables do Partido Popular e da Deputación Provincial de Lugo. Xa como alcaldesa , Maríña Gueimunde reclamou colaboración institucional para levar adiante os proxectos pendentes en Viveiro. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade