O PP pídelle ao Supremo que investigue os contratos da exparella de Ábalos en empresas públicas
Jessica Rodríguez admitiu ante o xuíz que cobrara de Ineco e de Tragsatec sen ir traballar
O sindicato CSIF pide explicacións ás direccións destas empresas ante un suposto caso de enchufismo
A semana pasada, Jessica Rodríguez, exmoza de José Luis Ábalos, declarou no Supremo que foi contratada por dúas empresas públicas: Ineco, que depende do Ministerio de Transportes, e Tragsatec, de Agricultura. Ela mesma admitiu que cobraba o soldo cada mes sen ter que ir traballar.
Ante este suposto caso de enchufismo, o sindicato de funcionarios CSIF pide explicacións á dirección desas compañías e que se depuren responsabilidades.
Tamén moveu ficha o PP, que exerce a acusación popular. Pediulle ao tribunal que afonde na investigación deses contratos, e tamén do asinado polo irmán de Koldo García con Ineco.
Sobre este asunto preguntáronlle este luns á ministra de Vivenda. "Mentres algúns traballamos no acceso á vivenda, outros seguen traballando no bulo, na mentira, no enredo, en acabar con todo o positivo que ten a política", contestou Isabel Rodríguez.
Os populares tamén queren que o tribunal lle requira ao Ministerio de Transportes todos os detalles das viaxes oficiais en que Jessica acompañou a Ábalos, con xustificante dos gastos. Están convencidos de que o PSOE oculta información e van solicitar as comparecencias dos ministros de Transportes e Agricultura tanto no Senado como no Congreso.
O presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo considera que "non se pode utilizar o diñeiro dos españois en corruptelas, en centos de asesores postos a dedo, en campañas ideolóxicas absurdas, en intervir empresas privadas nin en servizos de prostitutas pagadas con diñeiro público".