Publicador de contidos

Publicador de contidos

Lugo despide cun funeral a Paula Alvarellos e terá novo alcalde antes do día 11

Lugo despide cun funeral a Paula Alvarellos e terá novo alcalde antes do día 11

O Concello de Lugo informou de que o 10 de marzo celebrará na Catedral da cidade un “funeral institucional” pola alcaldesa que terá lugar ás 12:00 horas

Funeral por Paula Alvarellos na Catedral de Lugo
G24.gal 03/03/2025 13:25 Última actualización 03/03/2025 19:25

O funeral celebrouse esta tarde na Catedral de Santa María. Tivo lugar na máis estrita intimidade familiar, polo que os veciños lucenses non participaron nesta última despedida.

A repentina morte da alcaldesa de Lugo causou gran conmoción na cidade. En Más dun Lugo recolleuse o testemuño de veciños, ex alcaldes e representantes da política e a sociedade civil que quixeron despedir a Paula Alvarellos, falecida tras sufrir un infarto.

O rexedor en funcións da cidade de Lugo, Rubén Arroxo, do BNG, asegurou que a pesar do falecemento da alcaldesa, Paula Alvarellos, o Concello segue traballando “para sacar adiante as cousas” e para favorecer que o “proceso transitorio” se faga“da forma máis rápida e áxil posible”, ademais de confirmar que o municipio ten que contar cun novo alcalde antes do 11 de marzo.  

En declaracións aos medios de comunicación, Arroxo precisou que o prazo legal para “a elección do novo alcalde ou alcaldesa de Lugo finaliza o día 11 de marzo”, de modo que antes de esgotar ese período legalmente establecido celebrarase un pleno con dous puntos incluídos na orde do día: “A toma de posesión do novo concelleiro ou concelleira e a elección de novo alcalde ou alcaldesa”.  

As quinielas apuntan a dous nomes: a actual voceira do Goberno municipal, Ana González, e o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández. Este veterano concelleiro era o sucesor natural hai un ano, pero deu un paso ao lado. Agora está por ver se estaría disposto a asumir a responsabilidade, xa que hai pouco regresaba dunha longa baixa médica. Pero non se prevén problemas. Os nacionalistas respectarán a decisión dos socios de goberno. Será o terceiro alcalde ou alcaldesa da cidade en pouco máis dun ano. 

Arroxo afirmou que "non pode haber unha situación peor pola que asumir a alcaldía", pero explicou que a corporación municipal e o persoal do Concello continúan traballando "para seguir sacando adiante as cousas". "Estamos a pasar por unha situación moi complexa, pero levaremos o proceso transitorio da forma máis rápida e áxil para que Lugo recupere a normalidade canto antes", engadiu.

Rubén Arroxo destacou a implicación dos veciños no recoñecemento á figura de Paula Alvarellos. De feito asegurou que "o único positivo de todo isto é ver como se entregaron as veciñas e veciños, con centos de persoas acudindo ao longo da fin de semana e na mañá de hoxe ao Concello", para expresar o seu pesar.  

O alcalde en funcións afirmou que "Paula, máis aló de ser unha gran representante pública, vai ser lembrada como unha gran persoa, estamos a velo estes días no Concello". 

Funeral institucional o 10 de marzo

O Concello de Lugo emitiu un comunicado para informar de que o vindeiro luns, 10 de marzo, celebrará na Catedral da cidade un “funeral institucional” pola alcaldesa, Paula Alvarellos, que terá lugar ás 12:00 horas. 

A cidade vive o terceiro día de loito oficial decretado polo Concello de Lugo, coas bandeiras de todos os edificios oficiais ondeando a medio mastro. Toda a programación municipal de Entroido quedou suspendida. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade