Un home estrela o seu coche contra a entrada da residencia do primeiro ministro nipón
Un home estrela o seu coche contra a entrada da residencia do primeiro ministro nipón
Antes lanzou varios artefactos incendiarios contra a sede do gobernante Partido Liberal Democrático (PLD)
Un home foi detido este sábado tras estrelar unha furgoneta contra a entrada da residencia do primeiro ministro nipón, Shigeru Ishiba, en Tokyo, e lanzar pouco antes varios artefactos incendiarios contra a sede do gobernante Partido Liberal Democrático (PLD).
Un dos artefactos golpeou un dos vehículos antidisturbios da Policía apostados na sede do partido e provocou un lume que foi sufocado pouco despois sen provocar danos persoais, segundo informou a cadea de radiotelevisión pública NHK.
Despois, o arrestado, de 49 anos e oriúndo da localidade de Kawaguchi, conduciu unha furgoneta ata a residencia do primeiro ministro e bateu contra o enreixado do perímetro exterior. Logo, tentou lazar ao interior unha bomba de fume pero a policía impediuno.
Segundo os axentes, no interior da furgoneta había polo menos dez tanques de plástico para almacenar líquidos e varios artefactos que parecían cócteles molotov. O detido negouse polo momento a declarar, engadiu NHK.
Asasinato do ex primeiro ministro
No 2022, un home asasinou o ex primeiro ministro nipón Shinzo Abe cunha arma de fogo de fabricación caseira. Segundo o seu testemuño posterior, considerábao responsable de apoiar unha organización relixiosa que, segundo el, arruinara a súa familia.
O suceso prodúcese unha semana antes de que se celebren eleccións xerais no Xapón, convocadas despois de que o primeiro ministro Ishiba decidira disolver a cámara baixa do Parlamento apenas oito días despois de acceder ao cargo.
Ishiba busca lexitimar o seu Goberno nas urnas despois dos escándalos de corrupción e o desencanto xeneralizado co PLD, que levou o anterior primeiro ministro, Fumio Kishida, a abandonar recentemente o cargo.