Publicador de contidos
Publicador de contidos

Homenaxe a nove mulleres pioneiras no eido da Xustiza en Vigo

Homenaxe a nove mulleres pioneiras no eido da Xustiza en Vigo

A Cidade da Xustiza acolleu un acto de homenaxe ás primeiras funcionarias, avogadas, procuradoras, fiscais e xuízas que exerceron no partido xudicial vigués

Foron pioneiras  e abriron camiño, con medo, pero tamén con afouteza, nun mundo gobernado por homes

G24.gal 07/03/2024 20:54

A sala de vistas da Cidade da Xustiza de Vigo acolleu este xoves á tarde unha homenaxe a nove mulleres que foron pioneiras nos distintos postos do partido xudicial de Vigo. As primeiras funcionarias nos xulgados, a primeira avogada colexiada, a primeira procuradora, a primeira fiscal ou a primeira xuíza tiveron o recoñecemento das compañeiras e compañeiros nun acto organizado polo Decanato e os colexios de avogados e procuradores de Vigo.

O acto estivo presidido por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), e tamén asistiron o xuíz decano de Vigo Germán Serrano Espinosa, a decana do Colexio da Avogacía Lourdes Carballo Fidalgo e a vicedecana do Colexio de Procuradores Gisela Álvarez Vázquez, entre outras autoridades.

As homenaxeadas son:  Mª. Romana San Luis Costas (avogada), Amparo Fernández Feijóo (funcionaria xudicial), Mª. Teresa Muíños Torrado (procuradora), Ángela Domínguez Viguera Fernández (maxistrada da Sección 1.ª da Audiencia Provincial de Ourense), Mª. Jesús Prieto Toranzo (letrada da Administración de Xustiza na Sección 1.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra), Ana Rivas Santaló (fiscal), que non puido asistir ao acto esta tarde, Magdalena Fernández Soto (maxistrada da Sección 6.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra), Susana García-Baquero Borrell (fiscal xefa da Área de Vigo), Nélida Cid Guede (presidenta da Sección 4.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra) e Begoña Rodríguez González (presidenta da Sección 6.ª da Audiencia Provincial de Pontevedra).

Foi un momento para o reencontro e para a lembranza de anécdotas naqueles tempos en que todo era tan rudimentario. "Tiñamos que coser os preitos a man, con fío, e había que escribilo todo, non había fotocopias", comenta Amparo Fernández, a primeira funcionaria dun xulgado de Vigo, que comezou como auxiliar xudicial e logo ascendeu ao posto de xestora.

"Tiña algo de medo cando entraba naquelas salas, rodeada dunha morea de homes con toga, homes de negro", lembra María Romana San Luis Costas, a primeira muller que se rexistrou como avogada no Colexio profesional de Vigo.

Ángela Domínguez, primeira muller en vestir a toga de xuíza no partido xudicial de Vigo, no ano 1980, recoñece que foi pioneira, pero que se sentiu ben acompañada. Recoñece que faltan aínda máis mulleres na cúpula da xudicatura, "pero son cargos de libre designación e aínda faltan, pero van chegando, pouco a pouco van chegando", di Domínguez. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade