Este sábado, último día para mercar décimos do sorteo de Nadal
Este sábado, último día para mercar décimos do sorteo de Nadal
Moitos apuran para facerse con algún billete ou completar os xa comprados
Achegámonos á administración de lotería de Porta Faxeira, en Santiago. Dícennos que desde que saíron á venda os décimos para o sorteo de Nadal, o un de xullo, non houbo un día sen boa clientela. Este sábado, a última xornada para tratar de facerse coa sorte, o goteo de compradores é continuo, con momentos de ringleiras.
"Ao último buscas os últimos décimos, que din que os últimos van ser os primeiros, non?. Pois á xente gústalle o último día mercar lotería, si", confirma o titular da administración, José Luis Tojo Núñez.
O último día sempre hai menos entre o que elixir. A media mañá neste despacho practicamente só quedaban billetes terminados en cero, en un e en dous, pero a ilusión dos compradores era a mesma.
"Como din, todos van ao bombo", afirma un cliente.
"A ver se é o da sorte, o último", espera outro.
"Eu coñezo unha persoa que lle tocou facendo así, polo que dixen a ver se me pasa a min", conta unha rapaza.
"Vai saír o un", asegura outra compradora, cun billete desa terminación.
"Faltábame unha terminación e tiña que collela", explica un comprador.
"É para un regalo que se me esquecera", declara outro.
"Vimos que había cola, non sabiamos que era e dímonos conta de que mañá é o gordo", confesa un turista que tamén parou a comprar lotería.
"Vaime tocar coa axuda que me dá o neto, que mira que bonito é", presume unha avoa.