Publicador de contidos
Publicador de contidos

Extinguen o incendio declarado nunha fábrica de taboleiros de San Sadurniño

Extinguen o incendio declarado nunha fábrica de taboleiros de San Sadurniño

O lume afectou a caldeira e non provocou danos persoais

G24.gal 28/02/2023 08:42 Última actualización 28/02/2023 13:36

Os servizos de extinción de incendios conseguiron sufocar contra as 9 horas desta mañá o lume declarado minutos antes das 7 na fábrica de taboleiros Intasa de San Sadurniño. Segundo os xestores do 112, afectou a caldeira de biomasa situada na cuberta das instalacións.

Foi o persoal da fábrica, situada en Naraío, quen alertou os servizos de emerxencia. No transcurso da chamada, os alertantes confirmaban que non se produciron danos persoais.

Os xestores do 112 solicitaron a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Eume, Ferrol e Narón, dos axentes da Garda Civil e do persoal do Distrito Forestal da zona. Ademais, informouse as autoridades ambientais da Xunta de Galicia para monitorizar a situación.

Os servizos de emerxencias, desprazados na zona, comprobaron que o tanque de combustible estaba na cuberta da nave, a máis de dez metros do chan, o que provocou que os bombeiros tivesen que traballar cos seus vehículos de altura.

Segundo os bombeiros,  o lume afectou a caldeira da fábrica, así como os seus controis exteriores e os cables. Finalmente, os técnicos das autoridades ambientais da Xunta de Galicia realizaron as tarefas de control pertinentes, descartando risco para a poboación.

En maio do ano pasado, un fallo mecánico provocou outro lume nun silo desta nave. En decembro de 2013, catro traballadores quedaran feridos ao estoupar unha caldeira. Os operarios sufriron queimaduras e lesións provocadas por inhalación de vapor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade