Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel acusa a Suráfrica de "distorsionar a realidade" na súa denuncia por xenocidio

Israel acusa a Suráfrica de "distorsionar a realidade" na súa denuncia por xenocidio

Suráfrica acusa a Israel de ter un “patrón de conduta xenocida” e urxiu a Corte Internacional de Xustiza a esixir a “suspensión inmediata” da guerra en Gaza

Israel asegura que a “totalidade” do caso presentado por Suráfrica “depende dunha descrición manipuladora e descontextualizada" da resposta ao maior asasinato en masa calculado de xudeus nun día desde o Holocausto”

G24.gal 12/01/2024 12:41

Israel acusou este venres a Suráfrica de presentar á Corte Internacional de Xustiza (CIX) unha “imaxe fáctica e xurídica profundamente distorsionada” da realidade da súa guerra en Gaza, que definiu como unha resposta “ao maior asasinato en masa calculado de xudeus nun día desde o Holocausto”, o ataque do grupo islamita Hamas o 7 de outubro.

Durante unha audiencia este venres na CIX, o axente de Israel, Tal Becker, asegurou que a “totalidade” do caso presentado por Suráfrica “depende dunha descrición manipuladora, descontextualizada e deliberadamente recompilada da realidade das hostilidades actuais” contra Gaza, onde a ofensiva israelí acabou xa coa vida de máis de 23.300 civís.

Becker advertiu de que “se houbo actos que poden cualificarse de xenocidas, entón foron perpetrados contra Israel”, unha afirmación que chegou acompañada de fotografías dos 200 reféns tomados por Hamas, así como de imaxes do ataque, definido como “o maior asasinato en masa calculada nun só día desde o Holocausto”.

Os avogados que representan a Israel teñen a quenda da palabra para expoñer todos os seus argumentos contra os crimes enumerados onte por Pretoria, que acusou a Israel de violar a Convención contra o Xenocidio, de 1948, coa súa guerra en Gaza.

“Este acto, por sádico e sistemático que sexa, non exime a Israel da súa obriga de respectar a lei mentres defende aos seus cidadáns no seu territorio. Iso é incuestionable”, reafirmou o axente israelí, virando a mirada cara ao equipo legal surafricano. Pero, advertiu, Israel “ten o dereito inherente de tomar todas as medidas lexítimas para defender aos seus cidadáns e asegurar a liberación dos reféns”, asegurou.

Considerou que as medidas cautelares solicitadas por Suráfrica, que inclúe unha orde a Israel de suspender a operación militar, “equivale a un intento de negar a Israel a súa capacidade de cumprir coas súas obrigas de defender aos seus cidadáns, aos reféns e a máis de 100.000 israelís desprazados internamente que non poden regresar de maneira segura aos seus fogares” desde o ataque de Hamas.

Suráfrica acusou este xoves a Israel de ter un “patrón de conduta xenocida” na súa “política estatal” e denunciou “asasinatos en masa”, “desprazamento forzado” e unha “linguaxe de deshumanización sistemática” dos palestinos, para urxir á Corte Internacional de Xustiza esixir a “suspensión inmediata” da guerra en Gaza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade