As ilustradoras galegas Bea Lema e Alba Chan participan no Festival de Cómic de Angoulême
As ilustradoras galegas Bea Lema e Alba Chan participan no Festival de Cómic de Angoulême
España é o país convidado desta edición do prestixioso certame, que comezará o vindeiro 29 de xaneiro
Más de cen autores e profesionais e catro exposicións representarán o talento da banda deseñada española no festival de Angoulême (Francia), o máis importante da novena arte en Europa, para unha edición na que España, onde esta industria factura 130 millóns anuais, é país convidado de honra.
"Ser País Foco en Angoulême é cumprir un soño colectivo e márcanos un camiño para que nas políticas públicas o cómic teña o peso que se merece", dixo este mércores o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, na presentación do programa na sede do Instituto Francés.
Situado á altura do festival de Cannes para o cinema ou o de Avignon para o teatro, como lembrou Aymeric Chuzeville, encargado de negocios da Embaixada de Francia, este festival celebra do 29 de xaneiro ao 2 de febreiro de 2025 a súa 52 edición cunha previsión de máis de 200.000 visitantes.
Cun cartel ilustrado por Max e o lema "España, talento en viñetas", o país contará cun pavillón propio en que se poderán seguir mesas redondas, obradoiros, debuxos en directo, batallas de autores e sinaturas de libros, entre outras actividades organizadas polo Ministerio xunto a Acción Cultural Española e a colaboración da Sectorial do Cómic.
O ministro situou esta cita como un fito do camiño iniciado hai un ano coa presentación o Libro Branco do Cómic, que recolle que en España se publican 4.600 novidades ao ano, cunha facturación de 130 millóns de euros, un 7 % do total do mercado editorial, sen libros de texto.
Unha "industria puxante que necesita que desde as administracións acompañemos e recoñezamos os autores de banda deseñada", dixo Urtasun, que lembrou tamén as liñas de axuda á creación de cómic que se van poñer en marcha en 2025.
O programa vira arredor de catro eixes: a riqueza creativa coa gran variedade de mercados do cómic español, a bibliodiversidade, a pluralidade lingüística e a igualdade de xénero, abordando o papel da muller e a visión do sector desde unha perspectiva feminista.
A delegación española contará con autores de prestixio nacional e internacional, entre eles, algúns dos gañadores dos Premios Nacionais de Cómic convocados polo Ministerio de Cultura desde 2007.
De feito, estarán tanto o primeiro galardoado e autor do cartel, Max, como a gañadora da última edición, a coruñesa Bea Lema. Tamén se citan autores españois laureados cos prestixiosos Premios Will Eisner da Industria do Cómic, como Salvador Larroca, David Aja, Bruno Redondo ou Juanjo Guarnido, entre outros.
Ademais, intervirán tanto artistas cunha longa traxectoria como Marika Vila ou Albert Monteys como mozos creadores como Nadia Hafid, Yeyei e a pontevedresa Alba Chan. Participarán, así mesmo, expertas e investigadoras do mundo do cómic como Elisa McAusland ou Ana Merino.
Tamén estará presente a debuxante Aneke, que no acto deste mércores falou en nome da delegación e destacou a importancia de superar a "natureza individualista do autor de cómic" e organizarse como un colectivo que loite, por exemplo, para impedir que a intelixencia artificial "se apodere do noso traballo", subliñou.
"Todo na vida hai que pelexalo e cústanos vernos unidos. Este festival é un bo momento para despegarse da mesa", opinou.
Pola súa banda, o presidente da Sectorial do Cómic, Alejandro Casasola, destacou a fortaleza do ecosistema do cómic en España, onde xestores, editores e autores viven dunha industria que aúna "cultura, historia e arte". "En España, o Goberno empeza a entendelo, e comprenderao máis cando volva de Angoulême", proclamou.
A directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura, María José Gálvez, e a directora de programación de Acción Cultural Española (AC/E), Inmaculada Ballesteros, falaron doutros proxectos como as exposicións que se celebrarán na cidade francesa.
Así, 'Constelación gráfica', producida en colaboración co Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB), expón un percorrido polos universos de nove autoras españolas.
Pola súa banda, o Pavillón de España -espazo de 245 metros creado polo estudo Jesús Moreno e Asociados- acollerá entre outras actividades unha exposición das obras que foron galardoadas co Premio Nacional do Cómic.
O ‘Espace Jeneusse’ dará visibilidade a tres coleccións de autores españois con presenza no mercado francés: Hooky, de Miriam Bonastre Tur; Las hericornias, de Kid Toussant e Verónica Álvarez, e Atlas y Axis, escrita e debuxada por Pau.
Tamén haberá máis de vinte mesas redondas sobre as temáticas máis variadas: "Xenealoxías e cómic", "Cómic e memoria", "Escribir con debuxos", "O boom dos 80", "Pop popular e folclore", "Creando lectores", "Viñetas e feminismo", "Historia do cómic español: homenaxe a Ibáñez", "Os tempos do TBO: homenaxe a Josep Coll" ou "Cómic social", entre outras.