Israel asegura que alcanzou de madrugada centos de obxectivos de Hamas en Gaza
Israel asegura que alcanzou de madrugada centos de obxectivos de Hamas en Gaza
Ascenden a máis de 1.200 os mortos en Israel e 950 en Gaza no quinto día de guerra
Os ataques aéreos de Israel sobre a Franxa de Gaza continuaron esta madrugada, con extensos bombardeos sobre máis de 320 obxectivos das milicias palestinas (Hamas e a Xihad Islámica) en distintos puntos do enclave, incluíndo un complexo presuntamente utilizado para a produción e o almacenamento de armamento.
Así o informaron as Forzas de Defensa de Israel (FDI), que levaron a cabo bombardeos sobre 200 obxectivos na área de Al-Furqan, no interior de Gaza, e que, segundo as IDF, tiña como obxectivo destruír un centro terrorista.
Ataques anteriores concentráronse a primeiras horas na aérea de Daraj Tufah, que, segundo explicaron, serve como lugar central desde o que os militantes de Hamas lanzan os seus ataques.
As FDI tamén atacaron un edificio supostamente utilizado pola Xihad Islámica e anunciaron que mataron varios militantes de Hamas no cruzamento de Erez, principal paso fronteirizo entre Gaza e Israel.
Foi logo de que o ministro de Defensa de Israel, Yoav Gallant, anunciara este martes que o país lanzará "unha ofensiva total" contra a Franxa de Gaza, que cambiará totalmente a situación sobre o terreo.
O número de falecidos en Israel polo ataque sorpresa do sábado do movemento islamita Hamas superou este mércores os 1.200 e os feridos superan os 2.900, mentres que os bombardeos israelís en Gaza deixaron xa 950 mortos e polo menos 5.000 feridos.
A cifra de falecidos en Israel, difundida por medios locais citando aos servizos de emerxencias médicas, marca un importante aumento respecto ao último informe, que confirmara arredor de 900 mortos.
Ao lado gazatí, o Ministerio de Sanidade palestino informou este mércores que ata o momento rexistra 950 mortos polos bombardeos israelís de represalia e polo menos 5.000 feridos.
A estas cifras súmanselles 1.500 palestinos mortos en territorio israelí en enfrontamentos coas forzas de seguridade tras infiltrarse desde a Franxa, segundo estimacións do Exército hebreo.
Por outra banda, o Goberno israelí informou de que máis de 100 persoas foron secuestradas por Hamas e levadas a Gaza como reféns.
263.000 desprazados dentro de Gaza
Os desprazados dentro da Franxa de Gaza superaron os 263.000, un incremento de case 90.000 persoas en só 24 horas, informou a Oficina de Coordinación de Axuda Humanitaria (OCHA) de Nacións Unidas. "Prevese que as cifras sigan aumentando", recoñece o organismo.
Do total de desprazados, máis de 175.000 atópanse en albergues da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos, especialmente colexios nalgúns casos acondicionados para ser transformados en lugares de acubillo en situacións de crises como a actual.
Hamas nega a matanza de nenos e decapitación de civís
O grupo islamita Hamas negou este mércores matar "nenos, decapitado e atacado a civís" durante o seu ataque a Israel do sábado, en resposta ás "acusacións inventadas" de soldados de Israel sobre masacres perpetrados en kibutzs por eses milicianos.
"Afirmamos firmemente a falsidade das acusacións inventadas e propagadas por algúns medios de comunicación occidentais que adoptan a narrativa sionista, incluída a afirmación de matar nenos, decapitar e atacar a civís", sinalou Hamas mediante un comunicado, no que defendeu que os seus milicianos só "atacaron ao aparello militar e de seguridade (israelí), que é un obxectivo lexítimo".
Estas declaracións chegan pouco despois de que o Exército israelí denunciase que os milicianos asasinaran "a mulleres, nenos, bebes e anciáns que foron brutalmente masacrados á maneira do Estado Islámico" durante o ataque ao kibutz Kfar Aza.
A Franxa de Gaza cortará a electricidade
Gaza cortará hoxe a subministración de electricidade para a 14:00 hora local (11:00 GMT), informou a compañía eléctrica do enclave, despois de que Israel desconectase a franxa da súa rede o sábado, o mesmo día que comezou a guerra.
Á planta eléctrica de Gaza só lle quedan 40 megawatts dispoñibles, cando a demanda media das últimas 12 horas foi de 560 megawatts, cun déficit de electricidade do 92 %, sinalou a empresa.
O enclave conta agora con só 300.000 litros de combustible, que só cobren 10 horas de luz, e que de momento reserva ata que Israel acepte que Exipto mande combustible polo paso de Rafah, polo que o corte de luz poderá prolongarse varios días.
Nestes momentos, todas as gobernacións de Gaza teñen tan só tres horas de enerxía seguidas doutras 24 sen luz. Desde o inicio da guerra, a franxa sufriu 625 cortes de luz de varias horas. Gaza depende de Israel para recibir a subministración eléctrica, así como para a importación de combustible para alimentar a súa única planta, pero desde o sábado non recibe nin unha cousa nin a outra.
O corte de luz agrava aínda máis a crise humanitaria en Gaza, e deixa ao bordo do colapso os hospitais, que xa están desbordados.