Iván Ares: "Non nos gardamos nada para gañarlle a Víctor Senra"
Iván Ares: "Non nos gardamos nada para gañarlle a Víctor Senra"
O cambrés impúxose ao actual campión autonómico na cita inaugural do Campionato Galego de Rallys
A pesar de non ser o seu obxectivo principal para esta temporada, Iván Ares non quixo desperdiciar a oportunidade de correr na casa, facer test en asfalto co seu novo Hyundai e desfacer o empate a triunfos no rally coruñés que tiña co seu rival e bo amigo Víctor Senra. A emoción durou ata o final e así o relata o gañador nos micrófonos da Radio Galega.
"O rally foi moi bonito e houbo que loitar ata o final con Víctor, que sabía xa dende o principio que ía ser ao segundo. Foi importante que me sentín moi cómodo no coche a pesar de ir probando cousas pensando no Serra Morena. A vitoria puido caer para calquera dos dous lados".
Co bo sabor de boca dos tempos, das sensacións e dos triunfos, Ares xa pensa nas súas seguintes citas no Supercampionato de España.
"Ataquei moi forte nas primeiras pasadas e nas segundas non quería arriscar nos da mañá. O ritmo foi moi similar de ambos. O xoves xa fixemos test, puxemos os coches a punto. Víctor tamén probou o coche e axudounos a poñelo a punto. No Supercampionato os rivais están moi preparados. Non hai que cometer erros e ser regular".