Publicador de contidos
Publicador de contidos

Joaquín Araújo: "Pedir a relaxación das medidas ambientais da PAC é pedir consentimento para seguir estragando o mundo"

Joaquín Araújo: "Pedir a relaxación das medidas ambientais da PAC é pedir consentimento para seguir estragando o mundo"

O escritor e naturalista apoia a reivindicación de prezos xustos no agro, pero advirte de que a suavización das condicións ambientais non é o camiño

Aposta pola autoxestión enerxética nos concellos e por "multiplicar por dez os aeroxeradores pero non sacrificando os espazos naturais

Apunta que os bosques están en perigo e advirte de que Galicia ten que ter presente de que "as árbores teñen que producir máis osíxeno que papel"

G24.gal 27/03/2024 11:19

O escritor, naturalista e divulgador ambiental Joaquín Araújo afástase das olladas pesimistas sobre a irreversibilidade do cambio climático. Cre que a vontade individual, o coñecemento científico e a sensatez ten moito que dicir e que conseguir para frear ese cambio. "Poderíase vivir co mesmo benestar, da mesma forma, coa mesma saúde, cun gasto entre o 30 e o 50 por cento menor en auga e electricidade, que van da man no incremento do quecemento global", afirma sen dubidar.

Con todo, é consciente que o esforzo individual non basta. "Temos que facer tamén que os gobernos cumpran as leis que, curiosamente eles mesmos aprobaron nos parlamentos", di. "Se se cumprisen os acordos dos cumios climáticos, as transposicións das normativas europeas... alcanzaríase unha diminución importante do gasto", engade.

A nova PAC

Araújo conversou co Galicia por diante da Radio Galega con motivo do Día Mundial do Clima. Reivindica a súa condición de agricultor e gandeiro -"son un campesiño que vive a maior parte do tempo en plena natureza e sei do que falo"-, lamenta que o recente acordo dos estados da Unión Europea para flexibilizar as condicións da política agraria común supoña, sobre todo, unha relaxación das esixencias ambientais.

Apoia as reivindicacións de prezos xustos e cre que "non chegaremos nunca a unha xustiza distributiva ata que por termo medio os produtos agrarios, gandeiros e pesqueiros non vallan arredor de cinco veces máis do que actualmente se paga", pero puntualiza que "iso non quere dicir que o problema sexan as medidas ambientais, todo o contrario, porque as cotas de pesca e as medidas para non contaminar o solo, a auga e o aire con produtos químicos benefician a vida do planeta, ao consumidor e polo tanto tamén ao produtor".

"Pedir relaxación de medidas ambientais é pedir consentimento para seguir estragando o mundo".

Ao seu entender, "o mundo dos produtores primarios é probablemente o máis enganado e máis inxustamente tratado da historia da humanidade". Defende que se pode producir alimentos sen ter a Terra como inimigo: "Sábese facer perfectamente, algúns levámolo facendo 50 anos", argumenta, para concluír que "pedir relaxación de medidas ambientais é pedir consentimento para seguir estragando o mundo".

Neste sentido, problemas como a seca deberían terse afrontado anos atrás, ao seu parecer, cando xa se advertía dunha infraestrutura de transporte de auga cunha porcentaxe moi alta de perdas, ou un desbaldimento notable na maior parte da industria, dos fogares e tamén na agricultura e na gandería. "Se tomaramos medidas de aforro construtivo e comezaramos a transición cara a outro modelo enerxético cando empezamos a dicilo, fai máis de 40 anos, non estariamos nesta situación", reflexiona.

Mellorou o compromiso social e empresarial

Non todo é negativo. En opinión deste naturalista, o compromiso tanto empresarial como social "mellorou moito", porque "agora ninguén é capaz de dicir que non quere outro modelo enerxético, aínda que hai moita hipocrisía". E afonda nesta cuestión: "Conseguimos obrigar a mentir a moitos políticas e a moitas empresas que se vén obrigadas a incluír aspectos ambientais na súa publicidade e na súa propaganda para ter mellor imaxe, porque é o que a sociedade demanda".

"Hai que poñer moitos aeroxeradores e incluso multiplicalos por dez se fai falla, pero non sacrificando os mellores espazos naturais, e non digamos se para colmo algúns dos proxectos poden influír negativamente na actividade pesqueira e marisqueira".

Centrándose en Galicia, Araújo pon o acento na expansión das enerxías renovables, concretamente no sector eólico. "Non podemos converter unha solución nun problema", apunta, e di que en Galicia "hai que poñer moitos aeroxeradores e incluso multiplicalos por dez se fai falla, pero non sacrificando os mellores espazos naturais, e non digamos se para colmo algúns dos proxectos poden influír negativamente na actividade pesqueira e marisqueira".

Autoxestión enerxética

Defende a promoción da autoxestión enerxética. "As comunidades de consumo eléctrico son as que menos impacto teñen, deberían ser unha prioridade, unha directiva absoluta que os municipios lideraran ese paso cara á transparencia, cara á compatibilidade co noso mundo". Chama aos consumidores a que "elixamos, desde as empresas que xa existen e que proporcionan enerxía producida con pouco impacto no ambiente para acelerar aínda máis a transformación, a viaxe absolutamente necesaria desde a ameaza de colapso á convivencia e á posibilidade dun planeta san".

Non cre que o chamado "hidróxeno verde" deba ser prioritario. "Implica unha serie de instalacións e industrias que teñen impacto", polo que, ao seu parecer, "é aproveitable pero está nun segundo plano" ante outras alternativas como a enerxía eólica ou a solar.

"Que as árbores produzan máis osíxeno que papel debe terse moi presente en Galicia".

Por último, Joaquín Araújo denuncia que os bosques están agora máis ameazados e máis enfermos que nunca, con problemas como os incendios que precisan unha atención específica. E advirte da importancia de que "as árbores produzan máis osíxeno que papel", algo que "ten que estar moi presente en Galicia, que ten serios problemas en perspectiva coas celulosas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade