Juan Gestal presenta 'Pandemias. As epidemias que asolaron a Humanidade"
Un percorrido desde o cólera ata a covid, coa súas traxedias e aprendizaxes
O profesor Juan Gestal presentou na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago o seu libro sobre as pandemias que asolaron a humanidade. En 600 páxinas fai un percorrido por todas elas. Relata que supuxeron unha traxedia pero tamén avances para previr ou amortecer os estragos das que estaban por chegar.
Explica que a epidemia de cólera do século XIX serviu para crear as primeiras leis sanitarias en España e para celebrar as primeiras reunións internacionais de expertos que sentarían as bases da Organización Mundial da Saúde.
Noutro capítulo o doutor Gestal narra as orixes da que hoxe se considera un dos utensilios máis eficaces para evitar a propagación da covid, a máscara FFP2. A que pode ser a súa antecesora desenvolveuse a principio do século pasado durante a epidemia pneumónica en Manchuria.
E así, capítulo a capítulo, o libro chega ás pandemias provocadas polo virus da Sida e do Ébola ata os nosos días. En declaracións a Televisión de Galicia Juan Gestal facía esta reflexión sobre o que debemos aprender da pandemia da covid que cambiou o mundo e na que aínda estamos inmersos.
"Aprendemos que hai que estar preparados para as pandemias. Non estabamos preparados. Hai que preparar o Sistema Nacional de Saúde, a Saúde Pública que é a cincenta do sistema hai que dotala axeitadamente, modernizar totalmente o sistema de vixilancia epidemiolóxica, dotalo de persoal e achegalo ás áreas sanitarias", asegura o profesor.
Á presentación da obra de Juan Gestal asistiu o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o decano da Facultade de Medicina da que o autor é catedrático emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública.